publicidade hoxe

A Xunta formará a 2.000 traballadores para impulsar a Industria 4.0 nas pemes galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Madrid na IV Conferencia Sectorial de Industria da Peme, na que destacou a aposta da Xunta polo capital humano para impulsar a Industria 4.0 a través de programas de formación. Con esta iniciativa ten previsto facilitar a máis de 2.000 traballadores e mandos intermedios os coñecementos necesarios para que impulsen a fábrica intelixente nas súas pequenas e medianas empresas e melloren así os procesos produtivos e a calidade dos seus servizos.

Conde indicou que a Conferencia Sectorial de hoxe permitiu dar un paso máis neste “obxectivo compartido” entre o Goberno central, a través do programa Industria Conectada 4.0, e a Xunta, que ten en marcha a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 co obxectivo de fixar tecido industrial, incrementando para 2020 o peso da industria galega no PIB en 6,5 puntos, ata acadar o 20%. Esta folla de ruta autonómica, tal e como afirmou o conselleiro, xa ten permitido a creación de 12.000 novos empregos industriais na comunidade.

“Esta programación conxunta permite non só ter unha diagnose das pemes, senón tamén poder ofrecer ás pequenas e medianas empresas plans de transformación dixital que irán acompañados de programas de financiamento”, sinalou.

O conselleiro destacou que Galicia é “pioneira” no desenvolvemento da Industria 4.0 con medidas que apostan pola formación, o establecemento dunha estratexia de sensibilización que impulse este novo modelo produtivo, e axudas ao tecido empresarial.

Todas as iniciativas da Xunta neste eido enmárcanse dentro da Axenda da Competividade. Neste sentido, Conde sinalou que xa está previsto abrir nas próximas semanas unha segunda convocatoria do programa Formación 4.0, que completará o traballo da primeira edición, para a que se aprobaron o desenvolvemento de medio centenar de proxectos formativos entre máis de 1.000 mandos e cadros de empresas, aos que se imparten 3.500 horas de formación.

Para o impulso da fábrica intelixente e do emprego das novas tecnoloxías, a Consellería de Economía, Emprego e Industria conta ademais co programa ReAcciona TIC, de características similares á iniciativa estatal da Industria Conectada 4.0 e que apoia a execución de proxectos nas empresas galegas que busquen melloras dixitais e a introdución de conceptos vinculados á Industria 4.0.

O conselleiro tamén se referiu a que Galicia está fomentando, a través de axudas económicas, exemplos de fábrica intelixente nos principais sectores da economía, como o concurso de ideas Industria 4.0, que na primeira convocatoria, cunha inversión de 7 millóns de euros, se centra en catro proxectos para sectores estratéxicos para Galicia como son a automoción, o metal, a industria agroalimentaria e a da madeira. Para o seu desenvolvemento, Ceaga, Asime, Clusaga e o Clúster da Madeira contan coa participación de 38 pemes galegas. A previsión da Xunta é lanzar en próximas datas a segunda convocatoria deste concurso.

18 de xaneiro de 2017 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.