publicidade hoxe

A Xunta e a Junta de Castela e León poñen en común as súas políticas en materia social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Rey Varela na reunión de traballo coa consejera de Familia e Igualdad de Oportunidades de Castela e León

Rey Varela na reunión de traballo coa consejera de Familia e Igualdad de Oportunidades de Castela e León

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo na xornada de hoxe unha reunión de traballo coa consejera de Familia e Igualdad de Oportunidades de Castela e León, Alicia García Rodríguez, á que tamén asistiron por parte da Xunta de Galicia o Secretario Xeral de Política Social, Javier Abad Pardo, e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez. O obxectivo deste encontro era o de poñer en común as principais liñas de actuación en materia de dependencia e benestar social de ambos gobernos autonómicos, intercambiar coñecementos e experiencias innovadoras para mellorar a atención ás persoas dependentes e “que ambas comunidades autónomas sexamos capaces de chegar a acordos para mellorar as vidas das persoas que viven nos nosos territorios”, declarou Rey Varela.

O responsable das políticas socias da Administración galega lembrou que a poboación maior de 55 anos en Galicia representa un 36% da poboación total e a esperanza de vida media é unha das máis elevadas de España. Este feito, unido ao proceso de cambio no que se atopan os diversos perfís dos maiores, pon en evidencia a existencia de novas realidades e necesidades. Por elo, “dende a responsabilidade que temos como gobernos autonómicos, temos a obriga de seguir avanzando na atención ás persoas en situación de dependencia, e debemos asumir estas novas realidades como oportunidades de mellora a nivel social”, afirmou o conselleiro.

Deste xeito, a reunión tamén serviu para coñecer as principais medidas que nesta materia desenvolve Castela e León e para estudar a posibilidade de implantar o seu sistema de traballo en Galicia. Cómpre destacar que Castela e León é unha comunidade referente que lidera a atención á dependencia e que ademais, é a que máis emprego xera neste campo. “En Galicia temos avanzado moito no que a atención á dependencia se refire, pero sempre é positivo mirar cara referentes que emprenden accións que repercuten no beneficio dos seus cidadáns”, declarou Rey Varela. Así mesmo, destacou “o alto grao de colaboración que hai en Castela e León entre todas as administracións públicas, sen dúbida, un exemplo a seguir, porque redunda no benestar de todos os cidadáns”. Ao fío disto lembrou que en Galicia no 2016, Política Social puxo a andar a Axenda Social Única co obxectivo de que todas as administracións, autonómica, provincial e local, se unan en prol de axudar a quen o precisa.

Galicia e Castela e León asinaban en 2010 dun Protocolo General de Colaboración, que incluía un apartado específico destinado á dependencia, para garantir a coordinación de ambas administracións cando persoas dependentes se trasladan de xeito temporal ou permanente dunha comunidade a outra para poder seguir recibindo as prestacións e atencións adecuadas. Durante o encontro, avaliouse o funcionamento deste protocolo, un balance que a xuízo dos dos responsables en materia social resultou positivo.

Innovación e calidade

Ambas administracións están a introducir innovación en materia de calidade. Neste sentido, o conselleiro de Política Social compartiu a experiencia en materia de establecemento de cartas de servizos do sistema para a autonomía e a atención á dependencia, así como a aplicación de melloras nas organizacións que se atopan nos niveis de compromiso da calidade.

Pola súa banda, Castela e León informou sobre o proxecto “En mi casa”, que busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores en xeral, tanto aquelas que están en centros residenciais como as que viven nos seus domicilios e precisan apoio para levar unha vida independente. Para elo, os participantes contarán cun proxecto de vida e cun profesional de referencia para facer efectivos os desexos destas persoas.

Así mesmo, Galicia e Castela e León compartiron as melloras que realizaron en materia de xestión dos expedientes, especialmente aquelas melloras informáticas dirixidas á coordinación coas corporacións locais. Dentro destas melloras técnicas, atópase a configuración da Historia Social Única de carácter electrónico.

Prevención de dependencia e envellecemento activo
No referente ás políticas de prevención da dependencia e da promoción do envellecemento activo, Galicia e Castela e León comparten ser dúas comunidades que deseñaron unha estratexia e planificación neste ámbito. Ambas estratexias parten de principios e fundamentos similares, como son que a persoa é responsable do seu propio proceso de envellecemento e a posta en marcha de modelos innovadores de cara á construción de experiencias que favorezan un envellecemento activo e saudable e unha vida autónoma. Partindo destes principios, ambas comunidades acordaron estudar a aplicación e desenvolvemento das medidas que se contemplan, facendo fincapé nas experiencias innovadoras.

Teleasistencia avanzada
José Manuel Rey Varela tamén destacou a coincidencia tanto de Galicia como de Castela e León pola súa aposta polo valor da innovación na atención á dependencia. Neste sentido, ambas comunidades compartiron na reunión os avances en materia de teleasistencia avanzada para a atención ás persoas dependentes. No caso galego, o conselleiro indicou que preto de 6.000 maiores se poderán beneficiar deste servizo grazas a un investimento de 1,8 millóns de euros, o que se traduce nunha subida do 27% da partida con respecto ao ano pasado.

En Castela e León, a Junta está a desenvolver unha plataforma de atención socio-sanitaria ao doente crónico e ás persoas en situación de dependencia, que permitirá aumentar as capacidades dos servizos públicos e dos profesionais a través do uso das tecnoloxías da información e comunicación.

Por último, ambas comunidades amosaron a súa satisfacción polos acordos adoptados en materia de dependencia na Conferencia de Presidentes co acordo de constituír unha comisión para analizar o sistema de dependencia en orde a determinar a súa situación actual, a súa sustentabilidade e financiamento por parte do Estado.

20 de xaneiro de 2017 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.