publicidade hoxe

A Xunta declara área de rehabilitación o núcleo urbano de Santo Tomé

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou a declaración da Área de Rehabilitación Integral no núcleo urbano de Santo Tomé, no concello pontevedrés de Caldas de Reis, que segundo a memoria presentada polo concello, conta cun total de 469 vivendas, das que inicialmente son susceptibles de rehabilitación 185.

O ámbito da área de rehabilitación integral comprende o núcleo urbano de Santo Tomé que se asenta a ambas beiras dos ríos Umia e Bermaña. A súa malla urbana configurouse a través da vía romana Braga-Astorga, por onde transcorre hoxe o Camiño de Santiago, do que a rúa Real forma parte.

A tipoloxía edificatoria orixinal consiste en edificios apoiados en muros de pedra con estruturas de madeira, de dúas ou tres plantas entre medianeiras. Actualmente, a pesar dos cambios realizados nalgunhas edificacións, mantense aínda un conxunto homoxéneo no centro urbano de Caldas que é preciso preservar.

Os obxectivos fundamentais da declaración do centro urbano de Caldas son a súa rexeneración, con actuacións encamiñadas a conseguir a rehabilitación e revitalización social, física, urbanística e económica do ámbito.

O financiamento para a realización de obras de rehabilitación por parte dos propietarios de vivendas que desexen realizalas será fixado a través dunha comisión bilateral de seguimento na que estarán representados o IGVS e o concello de Caldas ao que posteriormente corresponderá proceder á convocatoria e tramitación das axudas a través da oficina municipal de rehabilitación. O concello tamén poderá beneficiarse de axudas para actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito da ARI.

Segundo a memoria presentada polo concello para a declaración da ARI, a rehabilitación integral do seu ámbito demandará máis de 4,7 millóns de euros para vivendas e máis de 2.3 millóns de euros para actuación de urbanización e reurbanización.

70 ARI declaradas

Coa declaración da ARI de rehabilitación de Caldas de Reis, Galicia conta xa cun total de 70 áreas declaradas que benefician a un total de 128 concellos galegos.

Deste total, 69 ARI están emprazadas nun total de 41 concellos, mentres que a Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago beneficia a un total de 107 concellos das catro provincias galegas. Nalgúns casos, como o de Caldas de Reis, a ARI dos Camiños de Santiago convive con outras ARI declaradas en zonas do mesmo concello.

En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse ao abeiro das Aris máis de 11.300 vivendas, cuxos propietarios recibiron axudas da Xunta e do Estado. Os concellos correspondentes tamén realizaron múltiples obras de urbanización e reurbanización no ámbito das Aris, recibindo tamén axudas autonómicas e estatais para ditas obras. A achegas da Xunta e o Estado para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización superan os 85,5 millóns de euros que induciron un investimento de máis de 15 millóns de euros por parte dos concellos e preto de 90 millóns de euros polos propietarios das vivendas, o que supón que o programa de áreas de rehabilitación mobilizou, dende a súa creación en 1996, un total de máis de 190 millóns de euros.

20 de xaneiro de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.