publicidade hoxe

A Xunta aproba as bases da convocatoria de axudas do Programa Marco incluído no Pacto Ambiental con Ence

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Comisión de Seguimento do Pacto Ambiental asinado o 28 de xuño de 2016 entre a Xunta de Galicia e ENCE aprobou hoxe as bases do “Programa Marco” e formalizou a súa primeira convocatoria para o ano 2017. A representación do Goberno galego nesta comisión foi asumida pola directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, e a secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz.

Este programa conta cunha dotación anual de ata 3 millóns de euros, que se destinarán a financiar accións baseadas en valores como a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a calidade ambiental, a igualdade de oportunidades, a formación para o emprego, o deporte, a investigación ou as relacións de comunidade radicadas na contorna de Ence.

En total fixáronse 8 áreas de actuación e as entidades ou persoas interesadas en solicitar financiamento para o desenvolvemento de actividades e accións que se axusten a algún dos programas deberán presentar unha solicitude conforme ao modelo que estará dispoñible na páxina web www.ence.info/plansocialpontevedra. Neste enlace tamén poderán acceder ás bases aprobadas.

Pacto Ambiental

O pasado mes de xuño asinábase o Pacto ambiental entre a Xunta e ENCE, que se concretaba un mes despois a través da sinatura dun convenio con compromisos e orzamentos concretos.

En total, a empresa comprometía nese pacto un investimento próximo aos 200 millóns de euros distribuídos entre a implementación de melloras ambientais e de integración paisaxística na súa instalación de Lourizán, a creación de emprego, a posta en marcha de proxectos de investigación e desenvolvemento, a instalación de centros de bioenerxía, a mellora do seu centro de coxeneración de biomasa, entre outros.

Por outra banda, o convenio asinado un mes despois, concretamente o 28 de xullo de 2016, desenvolve as aportacións comprometidas por ENCE para a ampliación e mellora da estación depuradora de augas residuais urbanas (EDAR) dos Praceres, a dotación dun novo centro de investigación enfocado á creación de emprego especializado e a explotación sostible dos recursos forestais, e o “Programa Marco”, destinado a materializar a política de responsabilidade social corporativa da empresa. Este programa será coordinado pola Comisión de Seguimento do Pacto Ambiental.

20 de xaneiro de 2017 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.