publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Valedora do Pobo respalda a petición de retirada duns carteis co lema “Fala Galego non sexas lelo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaNigránPortada esquerda
A-
A+

Hai tres meses, o pai dunha alumna do CPI Panxón presentou unha queixa perante o Inspector Xefe da provincia de Pontevedra, pedindo a retirada duns carteis co lema: “Fala galego non sexas lelo”, que están colocados en varias zonas do colexio. Por fin vén de recibir unha resposta, pero non foi Xefatura de Inspección quen respostou, senón a Valedora do Pobo de Galicia, a quen o pai acudiu asesorado por Galicia Bilingüe, ante a falta de resposta das instancias educativas. Despois de dous requerimentos por parte da Valedora, esta recibiu un informe coa mesma argumentación que un escrito firmado polo Inspector Xefe, Manuel Torres Vizcaya que chegou ao domicilio deste pai nas mesmas datas. Trátase dun informe chusco no que se avala a presenza dos carteis no colexio argumentando o seguinte:

Que se buscou unha palabra que rimase con galego, que no contorno do colexio se fala sobre todo castelán, que a alumna que o elaborou é castelánfalante, que o cartel gañou un concurso do colexio para fomentar o uso do galego que recibira fondos da Consellería de Educación, que sería coartar a liberdade de expresión de alumnos e profesores cuestionándoo, e que a única queixa que se presentou foi a deste pai.

A Valedora do Pobo de Galicia respondeu que o lema do cartel “invita ao uso do galego usando un adxectivo despectivo” e que “non promove o respecto ás opcións lingüísticas dos demáis”. En resposta á desculpa de que na zona do colexio se fala moito castelán, a Valedora considera que “é irrelevante canto se fala cada lingua, o que importa é o respecto aos falantes”.

Asemade, a Valedora engade que “non está en tela de xuízo a liberdade de expresión da alumna, senón o criterio da comisión que considerou positivo e premiou un cartel para o fomento do galego que cualifica como lelo a que non o fala”. A Valedora subliña que lelo significa: parvo ou simple.

Curiosamente, o Inspector Xefe cita no seu informe diversa normativa que en lugar de avalar os seus postulados déixaos en evidencia, porque alude a normas como a Lei de Convivencia, que o que promoven é a tolerancia e o respecto nos centros de ensino. Como ben apunta a Valedora: “O centro debe promover o respecto á liberdade dos seus alumnos a expresarse na lingua oficial da súa preferencia. O feito de invitar ao uso do galego usando un adxectivo despectivo para quen non o fai pode resultar ofensivo a algunhas persoas, e dende logo non promove o respecto ás opcións lingüísticas dos demais, dentro do marco normativo”.

Dende Galicia Bilingüe consideran inaceptable que un responsable, nada menos que da Inspección Educativa nunha provincia, faga de menos durante tres meses unha petición tan razoable e sinxela de atender como a deste pai, que pediu a retirada duns carteis nos que se chama lelos aos que falan a lingua da súa filla. No seu informe o inspector amósase molesto porque o pai se dirixira á Valedora, verte no seu informe críticas cara a el, e tenta presentalo coma un mentireiro dicindo que non é verdade que haxa carteis en zonas de paso dos alumnos, cando estes se atopan non soamente na web do colexio, http://www.edu.xunta.gal/centros/cpipanxon/taxonomy/term/76 e na biblioteca, senón tamén no corredor central, que é lugar de paso obrigado dos alumnos para dirixirse ás aulas e ao despacho de dirección.

É a terceira vez que Torres Vizcaya se posiciona xunto con quen fomentan o galego adoutrinando e permitindo que se falte ao respecto aos cidadáns que non partillan certas ideas, como xa denunciou Galicia Bilingüe con anterioridade: https://www.youtube.com/watch?v=_5aCv3UJbs4. Galicia Bilingüe enviou unha carta ao Conselleiro de Educación e ao Presidente da Xunta para pedirlles que releven das súas funcións a Torres Vizcaya, por considerar que non está capacitado para exercelas, pola súa actitude desconsiderada, e pola súa extravagante interpretación da normativa vixente.

Así mesmo, pídelles que se poñan os medios para que a promoción do galego se realice dentro dos cauces de respecto e tolerancia. Aos pais de alumnos resúltalles moi difícil presentar este tipo de denuncias, xa que todo o relacionado coa “normalización” lingüística ten acadado en Galicia un estatus quasi sagrado. Calquera actividade que se ampare baixo o paraugas do fomento da lingua galega pasa a gozar de protección, e o que se posiciona en contra convértese nun herexe. Mesmo nun caso tan evidente como este, tivo que ser a Valedora quen se pronunciou do lado do sentido común e do respecto. 

10 de xaneiro de 2017 | 10:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.