publicidade hoxe

A rúa Rosalía de Castro será peatonalizada entre o Concello e o Malecón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O consistorio municipal foi escenario esta mañá dunha nova reunión da Mesa da Peonalización de Riveira: a primeira dende que se efectuaron as probas en novembro pasado e dende a enquisa realizada a finais de ano entre comerciantes e cidadáns en xeral.

De resultas da xuntanza de hoxe, xa se tomaron as primeiras decisións, de tal xeito que no ano en curso está previsto ampliar a superficie peonil de Riveira actuando en dous tramos perpendiculares un do outro que non contan a día de hoxe con prazas de estacionamento, un dos factores que pesou á hora de adoptar esta determinación. Así, unirase baixo esta modalidade os dous treitos xa peonalizados da rúa Galicia (é dicir, o que transcorre dende Rosalía de Castro ata o novo mercado e o que dista entre as prazas da Porta do Sol e Compostela), ademais da rúa Rosalía de Castro entre a praza do Concello e o Malecón. 

Para levar a termo estas actuacións está previsto dispor consignación orzamentaria nos presupostos do 2017 co obxecto de acondicionar axeitadamente a zona afectada, ampliando as beirarrúas alí onde sexa necesario e colocando a un só nivel toda a superficie da calzada. 

Por suposto, vehículos con entrada a garaxes e de emerxencias poderán seguir servíndose destes viales, ao igual que aqueles que precisen realizar traballos de carga e descarga nos horarios autorizados. 

Rúa de Lugo

Esta modificación entrañará unha serie de cambios na circulación do entorno, invertindo en primeiro lugar o sentido da rúa de Lugo para facilitar o acceso ao Monumento dende Rosalía de Castro. Ademais, pensando en aqueles que desexen circular cara as avenidas de Ferrol ou da Coruña, propiciarase a conexión entre o entorno do Concello coa rúa Canarias a través da travesía que descorre por detrás do CEIP O Grupo co fin de desconxestionar Miguel Rodríguez Bautista. Outras accións irán encamiñadas a evitar precisamente que as paradas de autobús entorpezan a circulación pola calzada nesta última vía. 

Enquisas

Tocante ás enquisas, o alcalde Manuel Ruiz dou conta dos resultados das mesmas. Das que se repartiron físicamente entre os comerciantes das rúas obxecto do pasado simulacro respostáronse un total de 14, das cales 10 consideran que a peonalización resulta beneficiosa para os habitantes (por 2 que resulta prexudicial, 1 que non afecta á vida cotiá e 1 sen resposta). A peonalización de Rosalía de Castro entre a praza do Concello e o Malecón foi con 6 votos a opción preferida entre as distintas alternativas propostas para quen quixeron respostar o cuestionario.

Polo que respecta á enquisa que se publicou na páxina web, houbo un total de 651 respostas. O 56% considera as peonalizacións beneficiosas por 37% que prexudiciais e o 7% que non afecta á vida cotiá. A opción preferida tamén foi peonalizar Rosalía de Castro entre o Concello e o Malecón con 248 votos. 

Participaron na reunión de hoxe representantes da Policía Local, a Asociación de Empresarios de Riveira, Ambar, Amicos e distintos grupos da Corporación Municipal ademais do alcalde.

24 de xaneiro de 2017 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.