publicidade hoxe

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto da noite de Reis, baixo a batuta do portugués Pedro Neves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano por estas datas, o seu tradicional concerto da noite Reis. A cita será este xoves, 5 de xaneiro, ás 21:30 horas, no Auditorio de Galicia. O ensaio xeral, que terá lugar o propio xoves, ás 11:00 horas, estará aberto ao público, que poderá asistir de forma gratuíta.

A batuta levaraa o mestre portugués Pedro Neves. É director titular da Orquestra Clássica de Espinho e director invitado da Orquestra Gulbenkian. Foi director titular da Orquestra do Algarve e é invitado con regularidade para dirixir agrupacións no seu país e tamén en Europa e América. Na actualidade está preparando o seu doutorado na Universidade de Évora, centrándose na investigación das seis sinfonías do compositor portugués Joly Braga Santos.

A actuación arrancará coa popular Danzas de Galanta, do compositor húngaro Zoltán Kodály. Viviu a súa infancia no pobo de Galanta, unha localidade húngara musicalmente famosa por dispor dunha orquestra cíngara estable.

A continuación, o público terá a oportunidade de gozar coa Danza dos espíritos da obra Orfeo e Eurídice, do alemán Christoph Gluck. É unha ópera en tres actos baseada no mito do pastor Orfeo, que tocaba a lira de maneira sublime, de modo que non lle custou nada encantar coa súa música á súa amada Eurídice, quen morrerá pronto a causa da mordedura dunha serpe.

Os músicos tocarán logo a Suite checa de Antonín Dvorák, un conxunto de cinco danzas de inspiración checa composta en 1879. Despois soará o Vals triste de Jean Sibelius, unha das súas pezas máis características, coa que o compositor finlandés quixo transmitir a nostalxia do seu país natal.

O concerto da noite de Reis concluirá con Estancia: 4 danzas, a obra máis coñecida e interpretada do compositor arxentino Alberto Ginastera. Relata a historia dun mozo da cidade que chega á pampa e ten que dominar todas as habilidades atléticas dos gauchos para gañar o amor dunha bela rancheira.

2 de xaneiro de 2017 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.