publicidade hoxe

A nova depuradora de Coristanco comezará a funcionar ao 100% a partir de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristanco
A-
A+
Beatriz Mato na visita á depuradora de Coristanco. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na visita á depuradora de Coristanco. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou esta mañá que a nova depuradora de Coristanco funcionará ao 100% a partir do vindeiro mes de marzo, toda vez que se remate o período de probas -que se iniciou en marzo de 2016- polo que calidade da augas ao río Anllóns mellorarán considerablemente.

Así o puxo de manifestou durante a súa visita para comprobar o funcionamento desta infraestrutura na que se investiron preto de 2,3 millóns de euros e que dará servizo a máis dun millar de habitantes deste concello. Recordou que Augas de Galicia tivo en conta as demandas dos veciños que solicitaron un cambio no proxecto, que consistiu no deseño de dous sistemas independentes e dúas depuradoras: un o sistema de Rego do Crego e outro o do Río Anllóns; fronte ao proxecto orixinal que recollía a execución dunha soa Edar, en Vilaverde.

No primeiro dos casos, o sistema está composto por cinco novos colectores, que recollen as augas residuais de seis núcleos e que son conducidas ata a nova Edar de Portoquintáns. O sistema do Río Anllóns, conta con seis colectores (catro novos e dous mellorados) que recollen as augas residuais da zona do Cotón e do núcleo de Pousada para conducilas ata a nova Edar de Vilaverde.

A conselleira recordou que o tratamento das edares é máis ecolóxico, ao empregarse un sistema de filtros de macrofitos en flotación, o que permite reducir o número de equipos electromecánicos, a enerxía eléctrica consumida e, polo tanto, os custos de explotación en comparación coas tecnoloxías tradicionais. Esta é a primeira edar da provincia da Coruña que conta con este sistema de tratamento e a segunda de Galicia, xa que no Concello de Cervo tamén existe unha instalación que emprega este sistema.

O compromiso do Goberno galego é seguir avanzando e mellorando o dereito dos galegos a acceder a uns recursos hídricos de calidade e en cantidade, con independencia de onde vivan. Un esforzo que se traducirá no feito de que Augas de Galicia supera os 100 millóns de euros nos orzamentos de 2017 e que case a metade (46,7) se destinarán á planificación e execución de novas infraestruturas hidráulicas. Esta folla de ruta está marcada polo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa (aprobado a finais de 2015) e que conta cun orzamento de 655 millóns de euros ata o ano 2021, dos cales a Xunta aportará 423 millóns de euros.

Este obxectivo non é novo para a Xunta, senón que ata o de agora se teñen investido máis de 1.100 millóns de euros en actuacións de saneamento e depuración. Tratase do maior investimento da historia da Comunidade, que permitiu construír 45 depuradoras, que dan servizo á metade dos galegos; levar a cabo 350 actuacións de saneamento en 165 concellos; así como 309 actuacións de abastecemento, nas que se construíron preto de 800 quilómetros de tubaxes –máis ou menos a distancia que hai entre Coristanco e Faro (Portugal)– que permitiron mellorar o abastecemento para 600.000 galegos en 186 concellos.

27 de xaneiro de 2017 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.