publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Garda Civil detén en Vigo ao presunto atracador dunha farmacia en Nigrán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigránPortada dereitaSucesosVigo
A-
A+

A Garda Civil detivo onte a un veciño de Vigo, como presunto autor dun atraco que cometería a finais do pasado ano nunha farmacia do municipio de Nigrán.

Os feitos, que foron investigados por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán sucederon o 14 de decembro do pasado ano. Un individuo entrou na farmacia co rostro cuberto por unha bufanda e esgrimindo un coitelo de considerables dimensións conseguiu intimidar á empregada e levar preto de 300 €uros en metálico. O botín non foi superior porque no momento do roubo entrou un cliente e o atracador tivo que abandonar apresuradamente o establecemento.

O escaso botín do atraco mantivo en alerta ao equipo de investigación, que desde o primeiro momento valorou a posibilidade dun novo roubo ao considerar que este tipo de feitos delituosos adóitanos cometer persoas cunha elevada adicción ao consumo de estupefacientes.

Seguindo esta liña de investigación a Garda Civil detivo onte en Vigo a FJ.P.D.C., de 44 anos, como suposto autor do atraco da farmacia. Esta persoa fora detida por efectivos da Policía Nacional por un atraco de similares características, que cometera a principios do mes de xaneiro nun estanco de Vigo. No atraco do estanco utilizou unha arma das mesmas características e, supostamente, levaba a mesma bufanda.

O detido, que ten un amplo historial delituoso, será posto nas próximas horas a disposición do Xulgado de Instrución de garda en Vigo, acusado da comisión dun presunto delito de roubo con intimidación.

31 de xaneiro de 2017 | 10:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.