publicidade hoxe

A Gala do Deporte de Cangas chega a súa 13 edición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportesDeportes Portada
A-
A+

A tan só unha semana para o evento deportivo do ano presentouse esta mañá na Casa da Xuventude a 13 Gala do Deporte de Cangas, que terá lugar o vindeiro venres 13 de xaneiro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal.

Unha gala máis que consolidada coa súa décimo terceira edición e que serve como colofón a un ano prolífico para o deporte cangués e como remate a este ano olímpico.

Nesta ocasión, xogando coa superstición (13 edición e venres 13), o motivo principal da gala serán os contrastes. Borja Brun, director da Gala do Deporte desde os seus inicios, recoñece que “este ano será unha gala escura e de contrastes, que empregará como leitmotiv o cabaré”. Ademais, contarase a maiores co acrosport, modalidade de ximnasia acrobática que forma parte da Federación Internacional de Ximnasia, conxugando a beleza das acrobacias co esforzo a nivel deportivo (deporte espectáculo).

Loreto Costa, xornalista deportiva da TVG, presentará este evento que contará, ademais, coas exhibicións do Club de Ximnasia de Pontevedra (do que é adestrador principal Pablo Hinojar). Durante aproximadamente hora e cuarto, Nelson Quinteiro e o seu equipo de cabaretistas acompañarán o transcurso da gala que contará con 5 actuacións. Ademais haberá moitas sorpresas para deleite do público.

Nesta ocasión 78 son os deportistas nominados, dos cales 26 resultarán premiados. A maior parte dos trofeos foron feitos polos membros do Obradoiro Ocupacional da Asociación Xoán XXIII.

Premios:

1. MELLOR DEPORTISTA CANGUÉS POR MODALIDADE DEPORTIVA – 15.

2. RECOÑECEMENTO A UNHA EMPRESA POLA SÚA AXUDA O DEPORTE CANGUÉS.

3. RECOÑECEMENTO A UNHA PERSOA POLO SEU TRABALLO CO DEPORTE DE CANGAS.

4. RECOÑECEMENTO A UN DEPORTISTA CANGUÉS NON EN ACTIVO.

5. RECOÑECEMENTO A UNHA PERSOA/ENTIDADE POLA PROMOCIÓN DO DEPORTE POPULAR E TRADICIONAL.

6. MELLOR CLUB.

7. MELLOR ADESTRADOR.

8. MELLOR PROMESA MASCULINA.

9. MELLOR PROMESA FEMININA.

10. PREMIO DAVID CAL A PROXECCIÓN DOS VALORES DEPORTIVOS E CULTURAIS DE GALICIA.

11. MELLOR DEPORTISTA MASCULINO.

12. MELLOR DEPORTISTA FEMININA.

O Concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán Chillón coincide na importancia de premiar o esforzo e os valores de inclusión e superación que dende o mundo do deporte se están a transmitir e convida a toda a familia do deporte de Cangas a apoiar este acto que premia a labor dos clubes e dos nosos deportistas.

5 de xaneiro de 2017 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.