publicidade hoxe

A feira Abanca Cimag-GandAgro arranca este xoves con 392 firmas expositores de 24 países

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaSilleda
A-
A+

A II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2017, abrirá as súas portas dende mañá ata o sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA coa presenza de 392 firmas expositoras de 24 países (un máis que na pasada edición), das cales 166 son expositores directos de oito países (Alemaña, España, Francia, Irlanda, Israel, Italia, Portugal e Reino Unido) e 226 son marcas representadas.

En canto aos expositores directos, proceden de dous países máis que na pasada edición, o que supón un 33% máis de países presentes. A nivel nacional estas empresas  son de 13 Comunidades Autónomas, un 30% máis que na anterior convocatoria. Así pois, a feira reflexa tanto unha expansión a nivel nacional en canto á procedencia dos expositores como un paso cara adiante na súa internacionalización.

Estes expositores, entre os que se encontran moitas das empresas máis importantes do sector a nivel nacional e internacional, ocuparán os dous pavillóns principais do recinto, aos que se suman no paseo central unha carpa e unha área expositiva exterior. A superficie bruta da exposición será de máis de 23.200 metros cadrados e a neta de 9.965 metros cadrados.

Esta segunda edición da feira ofrecerá aos visitantes unha gran diversidade de produtos e servizos, de, entre outros ámbitos, sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes,  xenética e animal vivo, equipamentos para agricultura e gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria para explotacións gandeiras, de recolección e post-recolección, de preparación de solo e tamén de semente e aboado, ademais de compoñentes e accesorios.

A feira será inaugurada mañá ás 13.00 horas polo Vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde, Alfonso Rueda Valenzuela, quen estará acompañado da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, doutras autoridades e do director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán.

Un programa con máis de 40 propostas

En canto ás actividades do certame, contará con máis de 40 propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos do sector.

Respecto ás xornadas técnicas, no seu marco celebraranse máis de 20 conferencias. Así, acollerá o XXI Monográfico de Gando Porcino, no cal se abordarán, entre outros aspectos, a prevención de problemas entéricos como consecuencia da restrición do uso de antibióticos en penso; e tamén a VII Xornada Técnica para responsables de Calidade dos Operadores e Fábricas de Pensos de gmp.Galis, en cuxo marco se debullarán distintos temas sobre a seguridade na alimentación animal.

Unirase a elas unha xornada centrada na xestión sostible de xurros, ocupando unha das súas conferencias un novo sistema de extracción dos xurros que aumenta a produción de carne reducindo os custes e emisións contaminantes; e outra sobre o sector cunícola, que ofrecerá distintos aspectos do uso de antibióticos. Ademais, celebraranse outras en cuxas conferencias ou talleres se expoñerán as tendencias de climatización en granxas avícolas, a dixitalización no sector agroalimentario, as aboadoras de proxección ou  o manexo do ensilado, entre moitos outros temas.

Os concursos tamén terán un papel importante dentro da feira, celebrándose os morfolóxicos XXXIV Open Internacional e XXVI Autonómico da Raza Frisona, nos cales participarán 172 exemplares de alta xenética de Galicia, Cantabria e Portugal; o X de Preparadores de Gando e o XXXIII de Xóvenes Manexadores. Así mesmo, levaranse a cabo dous concursos que premiarán innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, o Abanca GandAgro Innova  e o Máquinas Destacadas, ao cal concorren 21 novidades.

Ademais, realizaranse demostracións todos os días, como as de plástico de encintado profesional ou as de máquinas cargadoras e manipuladores telescópicos. Sumaranse a elas exposicións, como a da raza Rubia Galega e a das Razas Autóctonas Galegas en Perigo de Extinción. Estas últimas serán ademais protagonistas dunha degustación a base de carne, embutidos e produtos dalgunhas das razas.

Exposición e programa conformarán así un espazo de negocio, innovación e coñecemento no que a formación tamén conta con gran peso, co obxectivo de aproveitar as sinerxías formativas que xera o certame. Así, un programa de visitas de 200 alumnos de distintos centros de formación profesional relacionados co sector permitirá tanto aos futuros profesionais como aos seus profesores coñecer de primeira man as novidades e perspectivas do sector.

Importancia para o sector e o recinto

As cifras e contidos desta edición de Abanca Cimag-GandAgro revalidan a súa condición de principal feira profesional da Fundación Semana Verde, ao tempo que segue a ser a segunda en importancia despois da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia por número de expositores e visitantes. Unha relevancia que tamén se traslada ao sector, xa que é unha das principais feiras agropecuarias do noroeste e a segunda de maquinaria forraxeira máis imporante de España.

Por outra banda, estes bos datos da feira súmanse aos doutros eventos da Fundación vinculados co medio rural, como se reflexa no crecemento da asistencia de animais á Central Agropecuaria de Galicia ABANCA nun 6%, o aumento nun 70% do espazo expositivo do monográfico forestal Galiforest Abanca e tamén no incremento de expositores e metros cadrados do salón de alimentación Salimat Abanca (nun 14% e 20%) e da feira de caza, pesca e natureza Fecap Abanca (nun 55% e 100%).

25 de xaneiro de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.