publicidade hoxe

A Deputación incentivará a venda de parcelas no polígono de Barro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra vai incentivar a venda de parcelas no polígono de Barro dando unha maior visibilidade e información sobre os terreos que aínda están dispoñibles para a instalación de empresas, según anunciou a Presidenta, Carmela Silva tras o encontro co empresario Magín Froiz.

Silva e Froiz mantiveron unha xuntanza para coñecer o proxecto que a empresa de distribución alimentaria ten previsto instalar na súa parcela de máis de 72.000 metros cadrados no polígono de Barro, na que tamén participaron o deputado, David Regades e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes.

A Presidenta da institución provincia subliñou que o Grupo Froiz adquiriu un total de quince parcelas no polígono de Barro ocupando unha superficie de 72.675 metros cadrados para a instalación dun centro loxístico. A vendas das parcelas foron firmadas o pasado día 22 polo que Froiz xa pode empezar a operar nelas no momento que queira. De feito, o empresario sinalou que xa están a traballar no proxecto de peche da totalidade da parcela.

O novo centro loxístico incluirá unha gran nave empresarial de máis de vinte mil metros cadrados, e outras dependencias de seis mil metros cadrados para mercadoría en fresco. Estímase que estas instalacións conten con entre 500 e 600 traballadores e que poderían estar en funcionamento entre dous e tres anos.

Carmela Silva recordou que neste momento están vendidas un total de 26 parcelas que suman case que 98.000 metros cadrados. Ademais no polígono esta instalado o Viveiro de empresas da Deputación, que ocupa unha parcela de 2.500 metros cadrados, e o centro de apoio empresarial, que tamén ocupa outra parcela de 2.500 metros cadrados.

Dende o pasado día catro de xaneiro puxéronse a venda ou cesión de dereitos as 48 parcelas restantes que suman 157.263 metros cadrados. As parcelas teñen distintas superficies comprendidas entre os pouco máis de mil quiñentos metros cadrados ate os máis de seis mil. As parcelas poden ser adquiridas en propiedade ou coa nova fórmula de constitución dun dereito de superficie, cun mínimo de cinco anos e un máximo de ocupación de 25 anos, e con opción final de compra da mesma parcela.

Para a venda destas parcelas , Carmela Silva, destacou que vanse colocar grandes paneis nos accesos ao polígono para que as empresas podan ver claramente os espazos dispoñibles e os servizos que ofrecen, ademais de realizar un adecentamento xeral dos terreos coa eliminación da maleza.

Por outra parte, Carmela Silva tamén subliñou que as infraestruturas de servizos están na súa fase final de construción e que se esperan que estean dispoñibles a finais do verán. A depuradora de augas residuais ten un orzamento de 850.000 euros e estará en servizo en verán. Igualmente acontece coa subestación eléctrica para o abastecemento do polígono, que cun coste de 2,4 millóns de euros. Inversións que fai directamente a Deputación.

Por último a Presidenta da Deputación agradeceu ao empresario Magín Froiz o seu bo facer na empresa de distribución, destacando o seu exemplo como persoa comprometida coa provincia de Pontevedra. Froiz, pola súa banda, agradeceu a colaboración do concello de Barro e o seu alcalde e de Carmela Silva para a posta en marcha do centro loxístico. O empresario anunciou que en breve se dirixirá novamente á Deputación para estudar a compra dunha nova parcela de nove mil metros cadrados para a instalación, de entre outras actividades, unha gardería para os seus traballadores.

11 de xaneiro de 2017 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.