publicidade hoxe

A Deputación destinou 184.000 euros a melloras nas infraestruturas de Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabanas
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de Acción Social (PAS), destinou un total de 184.157 euros para acometer diversos traballos no concello de Cabanas. Estes fondos provinciais están dirixidos a proxectos financeiramente sostibles, cunha vida útil superior a cinco anos e cun carácter social relevante, que no caso de Cabanas se traduciron na mellora das dotacións públicas municipais, a través de accións en materias coma a accesibilidade, os espazos verdes ou a dinamización das zonas rurais.

Neste sentido, a Deputación financiou con 33.710 euros un proxecto para mellorar o entorno e a accesibilidade do local social de Lavandeira, ubicado no lugar de Piñeiros. O proxecto consistiu na creación dunha nova rampla de acceso á planta baixa, substituíndo ás antigas escaleiras situadas na parte traseira da instalacións. Así mesmo, instalouse unha varanda de ferro galvanizado lacada en negro e pintouse unha praza de aparcamento reservada para persoas con discapacidade. Deste modo, preténdese garantir a accesibilidade ao local aos veciños con necesidades específicas, como aqueles en cadeira de rodas, ou incluso os carriños para os bebés.

As melloras no local social de Lavandeira completáronse coa creación dun parque biosaludable na zona verde anexa. Co obxectivo de mellorar as dotacións públicas ao aire libre e facilitar a realización de actividade física por parte das persoas maiores, instaláronse unha serie de aparatos de ximnasia, asegurados sobre bases formigonadas.

Trátase do segundo parque biosaludable que se instala no concello de Cabanas, despois do ubicado a área recreativa do lugar do Areal, que tamén se viu beneficiado polo Plan de Acción Social da Deputación. Neste caso, a achega provincial ascendeu a 39.759 euros, cos que se melloraron as dotacións nesta zona verde, moi próxima á praia e ao paseo marítimo.

O espazo recreativo para os nenos ampliouse limpando e adecuando unha nova zona, na que se instalou unha estrutura de madeira tratada con forma hexagonal, en consonancia co mobiliario urbano existente. Esta nova dotación permitirá que os máis pequenos do municipio poidan desfrutar do área recreativa do Areal ante condicións climáticas adversas, e poderá albergar diversas actividades infantís.

Complementariamente, instaláronse uns aseos públicos anexos á oficina de turismo, xa que a zona carecía destes servizos básicos.

Tamén o edificio de servizos socioculturais, situado na antiga Casa do Concello de Cabanas, foi reformada con cargo a 37.355 euros do PAS provincial. O inmoble, utilizado para dependencias administrativas municipais, xulgado paz e protección civil, presentaba carencias coma o desprendemento de gran cantidade de tellas, co conseguinte perigo de deslizar e caer sobre os viandantes. Os danos tamén ocasionaban importantes entradas de auga no interior do inmoble, afectando ao falso teito, ás paredes e incluso chegando a planta primeira. As obras financiadas pola Deputación permitiron a reparación integral da cuberta, asegurando o correcto illamento e habitabilidade do edifcio.

Novo sistema de saneamento entre A Veiga e Batán

O proxecto de maior envergadura do PAS no concello de Cabanas é a creación dunha conexión á rede de sumidoiros desde o área recreativa da Veiga ata o lugar Batán. En total, destínanse 73.332 euros a este proxecto que pretende solventar os problemas medioambientais derivados dos vertidos e garantir aos veciños da zona un servizo básico como é unha rede de saneamento.

As obras comezaron no área recreativa da Veiga, onde se sitúa unha EDAR á que chegan os aportes dos sumidoiros da zona. Esta estación depuradora atopábase en mal estado e ocasionaba vertidos de con augas residuais nos terreos do área recreativa e aos cauces fluviais próximos. Para remedialo, construíuse un colector de gravidade que canaliza as augas fecais ata conectar coa rede existente de saneamento, situada no lugar de Batán, e evitar así os vertidos residuais non tratados ao medio natural.

No tramo que discorre próximo ao río Castro, de especial sensibilidade ambiental, leváronse acabo medidas especiais para garantir a total estanquidade da rede. Para elo, instaláronse pozos de rexistro estancos, fabricados en formigón con fondo en polipropileno e xuntas reforzadas para impedir calquera tipo de vertidos.

Así mesmo, o trazado desta nova rede planificouse de modo que dará servizo ás vivendas da zonas, construíndo pequenos ramais de abastecemento no caso dos inmobles máis afastados da vía principal.

17 de xaneiro de 2017 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.