publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra organiza unha acción escénica en Ponteareas no marco do programa “Mulleres en acción: violencia zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, acompañada polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, inaugura este xoves 19 de xaneiro, ás 12:00 h, na praza Maior do municipio, a acción escénica Verbalización, da artista Fabiola Mecías, na que participarán alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO de cinco centros escolares da vila e que está enmarcada na segunda edición do proxecto da institución provincial “Mulleres en acción: violencia zero”. Os rapaces e rapazas son estudantes dos centros IES Val do Tea, IES do Barral, CPR Santiago Apóstol, CPR A Inmaculada e CIFP A Granxa.

Fabiola Mecías, artista con formación en Belas Artes, artes escénicas, canto e danza contemporánea, entre outras disciplinas, representará en Ponteareas a peza Verbalización, unha reflexión sobre a linguaxe sexista, que crea unha imaxe denigrante da muller, e sobre a linguaxe poética, a través da que se transmiten sensacións, soños, realizacións e expresións femininas. Para iso empregará desde a acción directa ata a poesía verbal e en movemento e o mural para promover entre o público presente a reflexión sobre a violencia machista.

“Mulleres en acción: violencia zero” trátase dun proxecto de acción artística contemporánea no espazo público para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco no estado actual da problemática da violencia machista no noso país. Este ano o proxecto quixo ir máis aló da primeira edición, na que se desenvolveron o 25 de novembro dez performances, organizando accións en 25 concellos da provincia de Pontevedra entre os meses de novembro de 2016 e novembro de 2017, para dar máis visibilidade á lacra da violencia machista. As accións, a razón de dúas ao mes, estanse a desenvolver nos concellos de Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Cambados, Ponteareas, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda, Meaño e Tui.

18 de xaneiro de 2017 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.