publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña destina 63.000 euros para a renovación do espazo da estación de tren de Santa Cruz de Rivadulla e a recuperación do arquivo municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVedra
A-
A+

A Deputación da Coruña financia con 63.230 euros as obras de acondicionamento do espazo público da Estación do Ferrocarril de Santa Cruz de Rivadulla e a recuperación do arquivo histórico municipal, no concello de Vedra.

Incluído dentro do Plan de Acción Social (PAS) da institución provincial, por un valor de 41.237 euros, o proxecto de recuperación do espazo público da Estación do Ferrocarril de Santa Cruz de Rivadulla (Vedra) contempla a ordenación do acceso e o tráfico peonil do mesmo, a través da mellora das condicións de seguridade na zona urbana.

Coa finalidade de evitar incursións de xente dentro das vías, executarase unha varanda que servirá de protección tanto das beiravías da nave do ferrocarril como da propia estación. Tamén se desmontará a parte superior do muro que comeza dende o edificio dos aseos ata a nave do ferrocarril para conseguir unha continuidade visual de todos os espazos da estación.

A actuación inclúe o levantamento das beirarrúas e bordos situados no acceso principal e no perímetro da nave, completándose coa pavimentación de lastras en toda a superficie. Procederase tamén ao pintado da mesma como medida de separación do tráfico rodado con respecto á zona peonil. Conseguíndose así humanizar o espazo que conta cun marcado carácter industrial, e de intenso uso por parte da poboación.

En fases posteriores, o proxecto contempla tamén o traslado e acondicionamento dun vagón de tren que se converterá nun espazo de coworking. O traslado producirase dende a estación de Monforte de Lemos ata Santa Cruz de Rivadulla.

A intervención completarase co desmonte da vía e do balasto situado actualmente na parte superior da beiravía da nave do ferrocarril para volver montala ao carón da rampla de acceso, o que permitirá a presenza de vexetación, con baixo custo de mantemento, dentro dun espazo industrial.
Outro dos proxectos que abarca esta actuación é a mellora e recuperación do centro de interpretación parroquial e arquivo da emigración, financiado con 21.993 euros, coa fin de asumir un novo uso como arquivo histórico municipal do concello de Vedra. Contémplase así o subministro de catro arquivadores móbiles que se instalarán sobre dous raíles e un chan de madeira, que se colocará especialmente para esta intervención. O actual arquivo municipal componse dunhas 1600 caixas, das cales, poderán almacenarse 480 nesta nova sala.

O espazo conta cunha zona musealizable de xeito temporal cuxo obxectivo será utilizalo para amosar o contido do arquivo, de especial interese, así como acoller exposicións de outros arquivos ou museos.

Os usos compleméntanse cunha sala destinada para investigadores e zonas de limpeza de documentos no propio espazo.

13 de xaneiro de 2017 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.