publicidade hoxe

A Deputación comeza a poda dos plátanos da estrada da estación, en Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

A Deputación da Coruña comeza mañá os traballos de poda e conservación dos 163 plátanos que bordean por ambas marxes a estrada provincial DP 1792 de Cambre á Rocha, entre a igrexa de Santa María e a estación, un tramo de 3,2 quilómetros de lonxitude.

Aproveitando a tempada de parada vexetativa desta especie, a institución provincial realizará as tarefas de mantemento e conservación das características árbores deste singular paseo cambrés, para o que contratou os servizos dunha empresa especializada, Jardinería Arce, que se encargará de eliminar as pólas mortas ou deterioradas que presenten riscos de caída ou aquelas que podan propiciar a propagación de parasitos e enfermidades, mantendo a estrutura orixinal das árbores. Os traballos inclúen tamén a tala daqueles exemplares irrecuperables que presenten risco de caída total ou parcial.

A empresa adxudicataria dos traballos encargarase ademais da elaboración dun inventario exhaustivo do arborado, con detalles de cada un dos exemplares como a súa idade, perímetro, características dendrolóxicas, forma, antecedentes de podas, se as súas pólas teñen perigo de caída ou está enfermo.

Os traballos están dirixidos por un titulado universitario na rama agrícola ou forestal, que coordina un equipo de catro oficiais e dous peóns. Para a súa realización será necesario empregar unha plataforma elevadora de brazo articulado, motoserras e serras de corte xaponés, e unha biotrituradora para eliminar e tratar as pólas e residuos resultantes da poda ou tala das árbores, polo que será necesario regular o tráfico nun só carril en momentos determinados. A estrada contará con paneis informativos para os condutores.

Os traballos, nos que a Deputación inviste 20.122,66 euros, terán unha duración de tres semanas.

23 de xaneiro de 2017 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.