publicidade hoxe

A Coruña acollerá as segundas Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos entre o 20 de febreiro e o 5 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen tamén é presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, presentou esta mañá a segunda edición de Lacónicas , as Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos, que terán lugar este ano entre o 20 de febreiro e o 5 de marzo e polas que 32 establecementos da cidade ofrecerán menús especiais de degustación con prezos que oscilarán entre os 18 e os 30 euros. Ademais, este ano, a ofertas das xornadas Lacónicas completarase con diversas actividades relacionadas cos pratos típicos do Entroido, que terán lugar nos mercados municipais, concretamente no de San Agustín e no da Praza de Lugo. O responsable municipal destacou “o gran atractivo para a xeración de turismo que teñen para a cidade os eventos gastronómicos, como queda patente en moitos dos estudos turísticos que se levan a cabo en Galicia”. Así, indicou que “a segunda edición das xornadas Lacónicas é unha forma inmellorable de comezar un ano ateigado de eventos gastronómicos que poden xerar un importante polo de atracción turística”, á vez que recordou que a cidade acollerá a “gran cita do Fórum Gastronómico” entre o 12 e o 14 de marzo.

Nesta ocasión, as xornadas Lacónicas contan coa participación de 32 establecementos da cidade, aumentando a porcentaxe do pasado ano, que ofrecerán, desta vez, un “menú de carácter tradicional”, composto por un primeiro prato de sopa ou similar, un prato principal que será unha laconada e unha sobremesa de filloas e/ou orellas, ademais de bebida, entre as que se contempla auga, refrescos ou viño de denominación de orixe galega. Os estabelecementos participantes nesta segunda edición son A la Brasa, A Taberna de Cunqueiro, Cafe-Bar Áncora, Calma Chicha, Casa Bieito, Casa Lelín, Casa Martín, Casa Matilde, Central Park, El Local 20, El Prada, El Secreto Hemingway, Galiur, Gastroteca, La Bodeguilla de Padre Feijóo, La Huerta del Mercado, La Taberna del Arriero, Mesón Manolito, Mesón Moncho, Mesón O’Bo, O’Calexo, Oído Cocina!, Arcade-Hotel Plaza, Boavista, Comer y Picar, La Marola – Hotel Zenit, Restaurante Manolito, Restaurante Noray, O Fieital, Roots Urban Food, Taberna O’Trotamundos e Vinum.

Ademais da xornadas de degustación, as Lacónicas contarán este ano, segundo destacou Lema, con diversas actividades e talleres para todos os públicos que terán lugar nos mercados municipais, “dentro doutras das accións que poñemos en marcha co obxectivo de achegar a máis persoas a estas prazas de abastos, que en si mesmas tamén constitúen outro dos reclamos turísticos da cidade”.

En concreto, o sábado 25 de febreiro, no Mercado da Praza de Lugo, entre as 10.30 e as 12.00 horas, e entre as 12.30 horas e as 14.00 horas, terán lugar uns obradoiros infantís gratuítos, para nenos e nenas de 5 a 10 anos, nos que o único requisito para participar será acudir disfrazado. Unha parte do taller dedicarase a explicar os ingredientes das laconadas, co obxectivo de que as crianzas poidan ver, tocar e probar, ademais de, posteriormente realizar diferentes preparacións.

Nesa mesma xornada, tamén haberá talleres gastronómicos para adultos, así como outras actividades. En concreto de 11.30 a 13.30 horas, haberá unha degustación gratuíta de filloas e orellas acompañada dun showcooking a cargo do cociñeiro Gorka Rodríguez, da Pulpeira de Melide. Para participar neste último será precisa a inscrición previa, ou ben no teléfono 636 447 574 ou a través do mail xornadaslaconicas@gmail.com , quedando aberto o prazo de inscrición a partir deste mesmo martes. Ademais, entre 12.00 horas e 13.30 horas actuará no citado mercado a comparsa popular Monte Alto A 100.

A seguinte fin de semana, concretamente, o sábado 4 de marzo, terá lugar no mercado da Praza de San Agustín un showcooking para adultos con degustación, que leva por título ‘Os Segredos do Cocido’, e que será impartido polo chef Antonio Amenedo. Neste caso, para participar, haberá que inscribirse ou ben no teléfono ou dirección mail remitida anteriormente, aínda que neste caso, será a partir do 10 de febreiro candos as e os interesados poidan anotarse. Lema destacou a aposta polo mercado de San Agustín “como nova ubicación este ano de actividades relacionadas con estas xornadas gastronómicas”.

Aeroliñas

Por outro lado, o concelleiro de Emprego e Economía Social deu conta da reunión que no día de onte mantivo con representantes da aeroliña Vueling, coa que o Concello mantén un convenio de promoción. O edil manifestou á compañía, como xa fixera anteriormente, o seu descontento pola suba nos prezos dos billetes a Barcelona que tivo lugar durante unhas xornadas, e que foi posteriormente corrixida. “Recordámoslles que esa situación supuña un agravio comparativo con respecto a outros destinos que non nos parecía de recibo, aínda a pesar de que a política de prezos non entra dentro do convenio nin o é, polo que os instamos a que amosen unha maior sensibilidade coa nosa cidade”, comentou.

Por outro lado, Lema manifestou que na reunión coa compañía tamén se analizou a evolución das rutas aéreas da compañía na cidade que están suxeitas ao convenio, destacando as boas cifras de ocupación das frecuencias a Barcelona, que precisamente medraron este ano debido á súa demanda.

31 de xaneiro de 2017 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.