publicidade hoxe

A Consellería do Mar convoca dous cursos, na modalidade en liña, de mariñeiro pescador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaVigo
A-
A+

A Consellería do Mar convoca dous cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade en liña, que se desenvolverán do 20 de marzo ao 12 de maio cunha duración de 50 horas. Un deles será titorizado polo profesorado da Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol e outro polo do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O período de pre-matrícula para estes cursos, que contarán con 60 prazas cada un, estará aberto dende hoxe ata as 15:00 horas do 31 de xaneiro. Estes cursos súmanse a outros dous que foron titorizados dende os mesmos centros e dos que se beneficiaron preto de 70 persoas e ao titorizado por profesorado da Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira, que están a cursar 60 persoas.

Unha vez que rematen, realizarase un exame presencial en cada un dos centros que os titorizan. Así mesmo, será necesario superar unha proba de natación o mesmo día do exame para poder presentarse á proba final.

Como acceder

As persoas interesadas en realizar estes cursos deberán pre-matricularse na plataforma á que se accede a través deste enlace. Para iso terán que darse de alta como usuario/a. Nese mesmo enlace sairá publicada a listaxe das persoas que teñen dereito a matrícula (os 60 primeiros que fixeron a pre-matrícula). A partir do día seguinte ao que se fai pública a listaxe establécese un prazo de matrícula de 10 días naturais.

A solicitude de matrícula e a documentación requirida poderá presentarse nas xefaturas territoriais e comarcais da Consellería do Mar ou por calquera das formas establecidas na lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As condicións de acceso a estes cursos de teleformación para obter a titulación profesional náutico pesqueira de mariñeiro pescador están recollidas na orde pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente en Galicia.

Ademais os prazos e os criterios de avaliación, a documentación para formalizar a matrícula e os requisitos para acceder ao exame final do curso están establecidos na resolución da modalidade de teleformación para a obtención da titulación profesional náutico pesqueira de mariñeiro pescador. Esta resolución, as convocatorias individuais de cada curso e outra información poden consultarse neste enlace da web da Consellería do Mar.

18 de xaneiro de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.