publicidade hoxe

A Casa da Xuventude de Ares acolle a mostra contra a violencia de xénero “Cartas de amor”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+

A Concellaría de Muller do Concello de Ares, que dirixe a edil socialista Victoria Montenegro, informa da exposición contra a Violencia de Xénero “Cartas de Amor” que acollerá a Casa da Xuventude ate o día 1 de febreiro.

A exposición, organizada polo Centro de Información á Muller do Concello, xunto coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, consta de 15 ilustracións feitas por artistas galegos contra a violencia de xénero.

“Cartas de amor”, pretende establecer un pararelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, ás veces, vai asociada a elas. Para isto, propúxoselles a varios e varias debuxantes que plasmasen nunha imaxe  situacións ou momentos que considerasen violentos entre adolescentes, co obxectivo de pór de manifesto a necesidade de mudar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.

Xunto con esta exposición, levaranse a cabo no CEIP As Mirandas uns obradoiros co alumnado de Secundaria, para así, de forma lúdica e participativa, profundizar nestas temáticas cos adolescentes.

A exposición está aberta ó público, polo que pódese visitar na casa da Xuventude no seu horario habitual de apertura, de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas; e os sábados de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

30 de xaneiro de 2017 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.