publicidade hoxe

A cantina do centro de Vilaxoán poderá funcionar en precario ata a modificación do regulamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A cafetería do centro social de Vilaxoán poderá seguir funcionando en precario e polo profesional que decida a asociación de veciños, a quen está encomendada a xestión do centro, entre tanto non se revisa o regulamento de centros culturais actualmente en vigor. Así llo transmitiu hoxe o alcalde, Alberto Varela, aos directivos da A VV de Vilaxoán, nunha reunión celebrada á ultima da mañá.

O rexedor reiterou aos directivos ao seu malestar polas formas utilizadas ata agora para renovar a concesión do bar, aínda que comprende o fondo da cuestión: o funcionamento da cafetería é fundamental para a continuidade da actividade do centro sociocultural, de titularidade municipal. Por iso, e con carácter excepcional, o goberno local permitirá que a cantina siga aberta, pero só en precario e ata que sexa modificado o regulamento.

Como se sabe, ese documento foi aprobado en solitario polo goberno PP-IVIl en 2013 e nel se prevía que os bares ou cafeterías dos centros socioculturais serían sacados a concurso. O problema foi que a norma nunca se chegou a aplicar, creando unha situación de alegalidade dos centros que xa contaban con esa instalación. De feito, en decembro de 2013 a entón concelleira de Cultura, Rocío Llovo, admitiu que o cambio que se establecía nese mesmo momento na explotación do bar de Vilaxoán “non era unha nova concesión” senón unha “solución provisional” entre tanto non se sacaba a concurso, algo previsto para xaneiro de 2014.

Ese concurso nunca chegou a convocarse, de xeito que a situación actual é exactamente a mesma que en decembro de 2013: a asociación de veciños de Vilaxoán cambia de responsable da cantina, adaptándose á lexislación laboral. A diferenza respecto a hai tres anos é que agora si se vai dar unha solución a este problema: o alcalde, Alberto Varela, convocará a vindeira semana aos distintos grupos políticos para abordar a reforma do regulamento de uso dos centros culturais. Ao tempo, se dirixirá a todas as asociacións veciñais ou culturais que teñen que ver coa xestións dos distintos centros a fin de que presenten as propostas que consideren oportunas para reformar e mellorar o regulamento de 2013, de escasa ou nula aplicación ata agora.

O que o goberno local ten claro, e así o expresou no último pleno co apoio de todos os grupos, agás o PP, autor de aquel documento que non chegou a aplicar, é o rexeitamento do sistema de concurso público por concesión dos bares ou cafeterías. O alcalde insiste en que o día en que as asociacións se lles dea por devolver as chaves dos centros o concello vai ter un problema, polo que considera que hai que buscar alternativas políticas e legais que garanten que esas cafeterías poidan ser explotadas polos propios veciños das zonas onde asentan eses centros.

30 de xaneiro de 2017 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.