publicidade hoxe

A Biblioteca de Lugo conta cunha web para consultas e reservas de fondos a través de Internet

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua Carmen Basadre, presentou este martes no Salón de Plenos o catálogo dixital da Biblioteca Municipal de Lugo, que permite realizar consultas e reservas de fondos a través de Internet.Pódese acceder dende http://biblioteca.lugo.gal e a través da web municipal.

Carmen Basadre deu conta da posta en funcionamento desta nova ferramenta tecnolóxica, indicando que “ten como obxectivo a localización de información dunha forma sinxela e rápida, así como ofrecer diversos servizos que estaban sendo demandados polos propios usuarios da biblioteca”.

O acceso xeral ao catálogo, para o que non é preciso estar rexistrado, permite a visualización dos resultados de cada busca cos datos bibliográficos do documento e ofrece ligazóns sobre os seus autores e materias.

Ademais, aos usuarios rexistrados para os que é preciso dispoñer do carné de lector da biblioteca, dispoñen dos seguintes servizos:

– A recepción de mensaxes relativas a reservas, devolucións e informacións de interese.
– A visualización do histórico dos préstamos realizados polo usuario.
– A renovación dos préstamos, sempre que non estean atrasados ou non posúan reservas.
– A reserva de exemplares.
– A suxestión de documentos para a súa compra mediante desiderata.
– A inclusión de temas ou autores de interese de cada usuario, que permitirá que sempre que unha nova obra sexa catalogada e atenda aos datos incluídos polo usuario, este reciba un correo electrónico comunicándolles a nova incorporación.

O inicio de sesión como usuario rexistrado realízase co número de carné e unha contrasinal que se lles facilitará dende a propia biblioteca. Os que xa teñan o seu correo electrónico rexistrado na biblioteca poden solicitar a súa contrasinal acudindo persoalmente ou enviando un correo electrónico a bibliotecamunicipal@concellodelugo.org. 

Balance do 2016

A edil tamén informou de que “na actualidade, o número de usuarios inscritos no servizo de préstamo da Biblioteca Municipal é de preto de 12.000, dos cales máis de 10.000 son adultos e 1.300 nenos, dándose de alta neste servizo 327 novos usuarios durante o 2016”. Un servizo que se reforza ano tras ano coa constante actualización e ampliación do seu fondo bibliográfico que conta a día de hoxe con 37.944 exemplares, dos que 31.642 son libros, 14.005 infantís e 17.637 adultos; 4.440 documentos audiovisuais, 1.361 documentos sonoros e 501 documentos electrónicos”.

As cinco obras en castelán da sección de adultos máis solicitadas no 2016 foron La chica del tren, de Paula Hawkins, Lo que no te mata te hace más fuerte, de David Lagercrantz, El amante japonés, de Isabel Allende, El hilo azul de Anne Tyler e Todo ese fuego de Ángeles Caso. En galego, os exemplares máis prestados foron Pepa a loba de Carlos Reigosa, Os dous de sempre de Castelao, Sete caveiras de Elena Gallego, O último día de Terranova de Manuel Rivas e a obra poética completa de Manuel María.

No que respecta á sección infantil e xuvenil, os libros en castelán máis solicitados polos nenos e nenas foron Diario de Greg: esto es el colmo de Jeff Kinney, Cachorros al rescate de Kim Duran, Vieja escuela de Jeff Kinney, Amor en la corte de los zares de Tea Stilton e Finis mundi de Laura Gallego. 

En lingua galega, os cativos decantáronse máis polas obras Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, Tristes armas de Marina Mayoral, O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, A banda sen futuro de Marilar Alexandre e Os Bolechas teñen unha curmá de Pepe Carreiro.

17 de xaneiro de 2017 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.