publicidade hoxe

A asociación Rutasapie comeza o ano coa ruta do Pai Sarmiento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Este sábado, 14 de xaneiro, a asociación amesá de sendeirismo Rutasapie comeza a súa programación cunha actividade dividida en varias etapas: a ruta do Pai Sarmiento, que vai dende Pontevedra ata Santiago de Compostela. Este percorrido dividirase en nove etapas, que se realizarán entre o 14 de xaneiro e o 22 de abril. Os interesados/as poden inscribirse para facer as nove etapas ou para algunha de xeito individual. Para realizar a ruta completa hai 35 persoas inscritas. A inscrición para participar nesta iniciativa pódese facer enviando un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamando aos números de teléfono 628 287 957 ou 675 680 159.

A Mancomunidade do Salnés comezou a promocionar o pasado ano unha ruta que seguía a peregrinación a Santiago de Compostela de Frei Martín Sarmiento no século XVIII. Xa acondicionada e ben sinalizada a ruta está lista e agardando polos primeiros camiñantes. A partir deste sábado, 14 de xaneiro, a asociación amesá Rutas a Pie ofrece aos amantes do sendeirismo a oportunidade de percorrela. Trátase dunha nova ruta variante do camiño portugués pola rexión do Salnés. Dende Combarro ata Carril, enlazando no seu tramo final co Camiño Portugués, esta nova ruta percorre as paraxes do Salnés e remata en Santiago.

Son 190 quilómetros, de dificultade baixa, que recorren os municipios de Pontecesures, Valga, Catoira, Vilagarcía, Vilanova, A Illa, Cambados, Sanxenxo, Meaño, O Grove e Poio bordeando a costa, seguindo o itinerario que trazou Martín Sarmiento en 1745. En total os pasos do frade, recollidos no seu libro Viaxe a Galicia, dividíronse en nove etapas de un día.

Este sábado, 14 de febreiro, farase a primeira etapa, que discorre entre Pontevedra e Sanxenxo. A segunda, que se realizará o 28 de xaneiro, o grupo partirá de Sanxenxo para chegar ao Grove. O 4 de febreiro farase a terceira parte do trazado, unha ruta circular polo Grove. O 18 de febreiro deixarase atrás o Grove para chegar a Cambados, de onde se sairá o día 4 de marzo en dirección á Illa de Arousa. O 18 de marzo a etapa une a illa con Vilanova de Arousa. As tres últimas etapas terán lugar os días 25 de marzo, no que se camiñará dende Vilanova de Arousa ata Carril, o 1 de abril, no que se rematará en Padrón, e o 22 de abril, coa chegada a Santiago de Compostela pasando previamente polo Milladoiro.

Ruta con importantes monumentos naturais e patrimoniais

Dende a asociación Rutas a Pie explican que un dos obxectivos destas saídas, ademais de descubrir as paisaxes costeiras, é visitar os monumentos naturais e patrimoniais que ofrece este Camiño. Tamén bodegas, numerosas nesta zona famosa polos seus caldos, e desfrutar da gastronomía local. “A nosa intención é ir en autocar ata o punto de partida e facer visitas unha vez cheguemos ao destino”, explica o seu presidente Augusto Blanco. Engade que o camiño coincide con numerosos puntos de interese e que ofrece “moitos recursos turísticos” para enriquecer as viaxes.

Os interesados/as poden inscribirse para facer as nove etapas ou para algunha de xeito individual. Para realizar a ruta completa hai 35 persoas inscritas. A inscrición para participar nesta iniciativa pódese facer enviando un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamando aos números de teléfono 628 287 957 ou 675 680 159.

13 de xaneiro de 2017 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.