publicidade hoxe

Xunta e Concello de Redondela asinan un convenio para a entrada en servizo do centro de día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRedondela
A-
A+
Rey Varela na visita ás instalacións

Rey Varela na visita ás instalacións

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde presidente de Redondela, Javier Bas Corugeira, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a próxima apertura do novo Centro de Día deste municipio pontevedrés. Cando este equipamento abra as súas portas dará servizo inicialmente a 20 usuarios, sendo a súa capacidade máxima de 40 prazas que se irán cubrindo a medida que se vaia reforzando o servizo. A Consellería de Política Social investiu na súa construción 2.291.653 euros e máis de 32.000 euros destinados á preparación do centro para a súa posta en funcionamento.

Na súa intervención, Rey Varela, agradeceu a rexedor e ao concello o seu interese e disposición para que “este convenio puidera saír adiante e así dotar a Redondela dun recurso asistencial para os nosos maiores moi necesario e do que carecían ata o de agora”, dixo. Nesta liña, o conselleiro destacou a importancia da colaboración institucional, o diálogo e o consenso entre administracións para “impulsar a atención ás persoas e familias que máis precisan do noso apoio”, ao tempo que reivindicou o papel dos maiores “porque eles contribuíron a que hoxe disfrutemos dun estado de benestar xa consolidado”. José Manuel Rey tamén quixo agradecer, ademais de ao Concello de Redondela, ao Consorcio “polo traballo realizado para poñer en marcha este servizo” e a Cogami, que se fará cargo da xestión deste centro de titularidade autonómica e da que dixo “é unha garantía de calidade”.

Este acordo entre o responsable da área Social do Goberno autonómico e o primeiro edil de Redondela é o terceiro que se asina, tras o rubricado para a xestión e financiamento do Centro de Día da Pobra do Caramiñal e Curtis, ao abeiro do convenio marco subscrito entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Así as cousas e segundo se recolle no convenio, o Concello contribuirá ao financiamento dos gastos de funcionamento deste centro de atención diúrna, achegando un importe de 2.500 euros ao ano por cada unha das prazas ocupadas por usuarios empadroados en Redondela.

26 de decembro de 2016 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.