publicidade hoxe

Unha quincena de persoas remata en Vilagarcía un curso que os capacita para presentarse ás probas libres da ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Un grupo de 15 persoas, que participan na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 -co-financiada pola Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo-, remataron onte un curso preparatorio para presentarse ás probas libres da ESO, desenvolvido no concello de Vilagarcía de Arousa.

Esa actuación formativa, que foi organizada polo equipo de Inclusión en Vilagarcía do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Consellería de Política Social, extendeuse entre os pasados 5 de xullo e 1 de decembro, con horario de mañá e cunha duración total de 132 horas.

A finalidade do curso era favorecer e posibilitar a aprendizaxe de persoas que, no seu momento, non tiveron a oportunidade de poder obter o título da ESO, potenciando ao mesmo tempo a súa especialización noutras ramas formativas e aumentando, polo tanto, as súas competencias para poder enfrontarse ao mercado laboral.

Estas actuacións formativas están incluídas nos Itinerarios de Inserción Socio-laboral que os equipos de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar deseñan para as persoas que participan na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020.

A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, mantén na actualidade unha rede de 18 oficinas comarcais distribuídas por toda Galicia, nas que operan os profesionais que actúan en favor de persoas en situación de risco ou vulnerabilidade e que serven de apoio aos servizos sociais municipais dos concellos en cada unha desas comarcas.

2 de decembro de 2016 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.