publicidade hoxe

Román Rodríguez avanza unha inserción laboral en FP do 80% grazas ao esforzo e ás destrezas do alumnado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSilleda
A-
A+
Román Rodríguez na entrega de medallas

Román Rodríguez na entrega de medallas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avanzou hoxe en Silleda que o último estudo realizado polo seu departamento sobre inserción laboral en Formación Profesional eleva a porcentaxe de alumnado que atopou traballo ao rematar os estudos a preto dun 80%. Segundo explicou con motivo da entrega de medallas da cuarta edición Galicia Skills 2016, trátase dunha realidade posible grazas ao esforzo e ás destrezas adquiridas polos estudantes de FP, cada vez máis vinculadas ás necesidades dos sectores produtivos. O conselleiro estivo acompañado polo secretario de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, Marcial Marín Hellín.

Precisamente, e co fin de demostrar os seus coñecementos, o recinto Feira Internacional de Galicia Abanca acolleu desde o mércores o maior campionato de FP a nivel galego, o Galicia Skills, que reuniu a un total de 100 alumnos de 40 centros educativos, que por primeira vez competiron nun único espazo de xeito simultáneo. Tras dous días de intensas probas, hoxe déronse a coñecer aos gañadores de cada unha das 17 especialidades, as denominadas “skills”, que se corresponden con un ou máis ciclos das distintas familias profesionais.

Colaboración de 40 empresas

Román Rodríguez destacou o compromiso e implicación dos centros, así como dos docentes, na formación dos mozos e mozas, lembrando que o alumnado participante foi preparado por 77 profesores, mentres que outros 19 expertos dedicáronse a coordinar o acto co fin de que estivese todo preparado para competir. Do mesmo xeito, un total de dez centros educativos tamén realizaron labores de soporte, tales como montaxe dos stands, cátering, servizo audiovisual etc.

Así mesmo, o conselleiro agradeceu a participación das empresas colaboradoras no campionato, unha implicación que se vén incrementando ano a ano, ata acadar as 40 compañías de hoxe en día. Neste sentido, lembrou os vínculos necesarios entre Formación Profesional e tecido económico e empresarial, co fin de avanzar tanto na internacionalización e competitividade das empresas como na cualificación e preparación dos mozos e mozas ante os retos vindeiros.

Os premiados

Os alumnos premiados –outorgouse por cada especialidade un primeiro e un segundo premio– recibiron a súa correspondente medalla, deseñada por alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago, así como un agasallo xentileza das empresas colaboradoras en cada “skill” do campionato.

Cada un dos gañadores conforman o equipo de alumnos e alumnas que representará a Galicia no campionato nacional Spainskills, que se celebrará do 27 de febreiro ao 4 de marzo de 2017. Ademais, a este grupo tamén se suman os representantes da especialidade de Floraría (Soraya Barbosa Oliveira, do IES San Rosendo de Mondoñedo), así como de Instalacións eléctricas (Alexandru Coretchi Tutunaru, do IES Universidade Laboral de Culleredo), que participaron nesta competición a modo de demostración e que finalmente foron elixidos polos xurados.

2 de decembro de 2016 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.