publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Procesado o líder dos ‘miguelianos’ por 26 delitos sexuais e 24 contra a integridade moral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaTui
A-
A+
Europa Press

O líder da Orde e Mandato de San Miguel Arcángel, Miguel Rosendo, foi procesado pola xuíza que investiga a causa coñecida como dos ‘miguelianos’, por un delito de asociación ilícita, 24 delitos continuados contra a integridade moral, un de agresión sexual, 25 de abusos sexuais, un continuado contra a Facenda Pública e un continuado de branqueo de capitais.

Tal e como consta no auto do Xulgado de Instrución número 1 de Tui (Pontevedra), tamén foron procesados os membros da familia do líder -a súa muller e os seus dous fillos- por delitos continuados contra a Facenda Pública e de branqueo de capitais. Ademais, hai outras 13 persoas procesadas por senllos delitos de asociación ilícita.

O auto de procesamento establece os supostos tipos penais provisionais dos investigados, que poderían modificarse nunha ulterior cualificación, ao entender que nas presentes actuacións hai “indicios racionais de criminalidade”. Así mesmo, a xuíza volve ratificar a situación de prisión de Miguel Rosendo, quen permanece no cárcere desde o 14 de decembro de 2014.

Ademais, impón aos investigados o pago de fianzas para garantir as responsabilidades pecuniarias que puidesen derivarse, concretamente máis de 979.500 para que abonen de forma conxunta e solidaria Miguel Rosendo, a súa muller e os seus fillos; 625.000 euros a todos os imputados salvo os tres familiares do líder; e ademais, a Rosendo imponlle outros 883.500 euros polo resto de delitos.

Tamén se dispón a responsabilidade civil subsidiaria do Bispado de Tui-Vigo, o que fundamenta en que “a constitución e funcionamento da Orde e Mandato de San Miguel Arcángel estivo amparada e actuaba ao servizo e baixo a dependencia do Bispado”. Desta maneira, engade, “é evidente a existencia dun vínculo necesario entre os suxeitos activos do delito e a persoa ou entidade subsidiariamente responsable”.

Finalmente, a xuíza tamén acordou no auto, contra o que cabe recurso, recibir declaración indagatoria de todos os procesados os próximos días 21 e 22 de decembro na sede do xulgado de Tui, o que implicará que Miguel Rosendo sexa trasladado desde o Centro Penal de Teixeiro (A Coruña), onde permanece en prisión provisional.

ANTECEDENTES

Entre as persoas investigadas atópanse a man dereita de Miguel Rosendo, Marta Paz -ambos foron detidos o 11 de decembro de 2014 en Madrid, tras o que el foi enviado a prisión con obrigación de comparecencias-, o seu outro ‘bastón’, tres matrimonios e un sacerdote.

A Orde chegou a ter uns 400 seguidores no seu momento álxido e tiña o seu centro de operacións nun chalé en Santa María de Oia (Pontevedra). Na primavera de 2014 os seus integrantes foron expulsados polas autoridades eclesiásticas, e un grupo reducido trasladouse a dúas sedes en Madrid (Collado Villalba e El Escorial).

Días despois das detencións de Rosendo e Marta Paz, o bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiuza, asinou o decreto de supresión da Orde e Mandato.

14 de decembro de 2016 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.