publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O programa “Xuntos polo Nadal” contará coa participación de 240 maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaNigránO Carballiño
A-
A+

A Consellería de Política Social inicia o vindeiro venres 23 unha nova edición do programa “Xuntos polo Nadal”, no que participarán un total de 240 maiores acompañados de 16 voluntarios. Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade que permite a persoas de máis de 60 anos que viven soas convivir durante 11 días –ata o 2 de xaneiro- nas residencias de tempo libre do Carballiño, en Ourense; e de Panxón, no municipio pontevedrés de Nigrán.

Ao igual que en ocasións anteriores, este programa cubriu de novo a totalidade das prazas ofertadas, das cales 120 corresponden á residencia de Panxón e outras tantas á do Carballiño. Os participantes no mesmo gozan de aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, así como do desprazamento en autobús ata as residencias e a viaxe de regreso. Ademais, ao abeiro desta iniciativa realizaranse numerosas actividades lúdicas e de animación sociocultural durante os 11 días nos que transcorre a convivencia.

“Xuntos polo Nadal” está destinada a aquelas persoas maiores de 60 anos que se atopan soas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, a perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias. O obxectivo deste programa é que poidan pasar o Nadal en compañía e que participen de maneira activa en actividades de ocio, sociais e culturais.

Aqueles maiores con ingresos inferiores ao IPREM (532,51 euros/mes) asisten de forma gratuíta ao programa, mentres que os que superan esta cantidade contribúen ao pago da estancia na residencia cunha achega de 50 euros.

Voluntariado

O desenvolvemento de “Xuntos polo Nadal” conta coa implicación de voluntariado, grazas a implicación no programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Na edición deste ano participarán un total de 16 persoas repartidas entre as residencias de Panxón e O Carballiño, que proporcionarán apoio e acompañamento aos maiores, e ademais colaborarán nas actividades lúdicas que terán lugar en ambos centros.

Os voluntarios que participan neste programa de maiores están cubertos pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil subscrita pola Administración autonómica. Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado expide aos que o soliciten un certificado acreditativo onde consta o labor realizado e as tarefas levadas a cabo durante a campaña.

20 de decembro de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.