publicidade hoxe

O ISSGA informa en Xinzo de Limia sobre as principais recomendacións de seguridade e saúde laboral nas explotacións de ganado vacún

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXinzo de Limia
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organizou hoxe en Xinzo de Limia a xornada técnica Condicións de seguridade e saúde laboral nas explotacións de ganado vacún co obxectivo de proporcionar aos gandeiros as ferramentas que permiten mellorar as súas condicións de traballo reducindo os seus niveis de risco e incrementando a súa seguridade laboral. A finalidade última desta actuación, que se desenvolve no IES Cidade de Antioquía, é que este colectivo poida realizar as súas tarefas de xeito seguro e saudable.

A acción formativa, á que asistiron 80 persoas, encádrase na oferta formativa do ISSGA para este ano e supón a última das 23 xornadas técnicas realizadas pola Consellería ao longo deste exercicio.

O sector de gando vacún (considerando conxuntamente as explotacións de produción de leite e carne) é un dos principais sectores de actividade da industria agroalimentaria en Galicia polo seu peso económico e social. Este tipo de explotacións está a experimentar paulatinamente un profundo proceso de adaptación, adheríndose ás novas tecnoloxías e melloras estruturais e produtivas. Esta adaptación é un proceso de evolución continua que proseguirá nos próximos anos e que resulta fundamental para a competitividade dun sector estratéxico dentro da economía da nosa Comunidade autónoma. Esta actualización tecnolóxica está a mellorar as condicións de traballo do colectivo de gandeiros, reducindo os niveis de risco e incrementando a seguridade laboral dos traballadores.

Neste senso, os plans de actividades do ISSGA dos últimos anos prestan unha especial atención ás distintas actividades económicas do sector primario galego, entre as cales se atopa a actividade gandeira.

Deste xeito, o ISSGA vén programando xornadas técnicas de actualización de coñecementos así como de divulgación xeral e específica relacionados co sector, así como vén elaborando diverso material formativo e informativo dirixido aos traballadores e traballadoras do sector primario, con distintos formatos: guías de boas prácticas, trípticos, carteis, fichas divulgativas, ou mesmo vídeos.

Entre os aspectos que se destacaron na xornada de hoxe salientaron, entre outros, os riscos de seguridade e a utilización de equipos de traballo; os riscos do ambiente de traballo e o uso seguro de substancias e mesturas; as enfermidades profesionais nas explotacións de gando vacún; e a prevención de trastornos musculoesqueléticos (TME) para traballadores do sector de gando vacún.

Na xornada, ademais, informouse sobre as últimas publicacións realizadas polo ISSGA nos eidos da prevención de riscos laborais en explotacións de gando vacún e en prevención dos transtornos musculoesqueléticos neste tipo de explotacións. Técnicos do ISSGA expuxeron aos asistentes o contido destes documentos e deuse resposta ás dúbidas e cuestións relacionadas con esta materia.

1 de decembro de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.