publicidade hoxe

O Goberno provincial adxudica 150.000 euros á esperada remodelación do Club de Piragüismo de Paredes en Vilaboa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilaboa
A-
A+

O Goberno provincial de Carmela Silva aprobou hoxe a concesión dunha subvención de 150.000 euros para o Concello de Vilaboa con destino a financiar a esperada remodelación das instalacións do Club de Piragüismo de Paredes. Trátase dunha histórica reivindicación da veciñanza e do goberno municipal á institución provincial que nunca se concretou a pesar de que máis de 400 deportistas e moitos rapaces e rapazas desenvolven alí as súas actividades desde hai 30 anos, e de que o club é dos máis importantes da provincia contando no seu palmarés co Campionato de España de K2.

A subvención é parte do Plan de investimentos en equipamentos e infraestruturas para concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia (PICEI´16). Este plan destina 1.129.713,28 € para os concellos de Fornelos de Montes, A Lama, Silleda, Catoira, Vilaboa, As Neves, O Porriño e Forcarei para tratar de solucionar as afeccións ou dificultades territoriais que ocasionou a discriminación no reparto de fondos do goberno de Louzán.

Pese á implantación do Plan Concellos, con criterios obxectivos e de equidade, o Goberno da Deputación detectou que había necesidades de interese xeral que non estaban cubertas nos concellos pequenos debido á diferenza de trato que o goberno anterior da Deputación realizaba no reparto de axudas. De feito, entre o ano 2009 e 2015, dos case 200 millóns de euros en subvencións que recibiron os concellos, máis da terceira parte, un total de 72 millóns de euros, foron de forma directa a determinados municipios.

Fronte a esta situación outros concellos non recibiron ningún euro, o que provocou diferenzas ao minguar a súa capacidade de financiar investimentos, provocando unha situación de incapacidade para cumprir o obxectivo prioritario da correcta prestación de servizos básicos. Por tal motivo nace o novo plan PICEI, deseñado tendo en conta as necesidades expostas polos propios concellos e concibido como un programa de cooperación municipal co obxectivo de fomentar a redistribución dos recursos públicos para impulsar a equidade en servizos e equipamentos dos concellos cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes.

28 de decembro de 2016 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.