publicidade hoxe

O goberno de Narón aplaude a Deputación da Coruña polo Plan Único de Concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaNarón
A-
A+

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín recibiu na súa visita ao concello de Narón a felicitación por parte do alcalde, José Manuel Blanco, pola recente aprobación do Plan Único de Concellos.

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, transmitiu á vicepresidenta da Deputación a súa satisfacción pola aprobación do Plan Único de Concellos que é, ao seu ver, “a culminación” do que reclamaban desde o concello. Goretti Sanmartín visitou este mércores a localidade de Narón e reuniuse co seu alcalde e distintos membros dos grupos municipais.

Na súa visita a Narón, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, explicou os principais cambios na relación cos gobernos municipais pola aplicación do Plan Único de Concellos, en especial, a maior obxectividade no reparto de fondos públicos, o incremento da autonomía municipal, a simplificación da tramitación e que permite aos gobernos municipais traballar con maior previsión. En concreto, o concello de Narón recibirá a través do Plan Único de Concellos unha cantidade de máis de 1.800.000 € que se verá incrementada coa incorporación de remanentes e coas liñas de axudas en vigor.

“Trátase, sen dúbida, dun plan de especial relevancia para a relación da Deputación cos concellos cun importante aumento en obxectividade, autonomía e previsión da que se beneficiarán as entidades locais na súa xestión”, dixo Goretti Sanmartín na súa intervención na que tamén quixo coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza de Narón.

Pola súa parte, o alcalde, José Manuel Blanco, agradeceu a visita e mostrou a súa satisfacción pola recente aprobación do Plan Único. “Representa a culminación do que Narón levaba pedindo desde sempre, equidade, un baremo obxectivo e unha tramitación moito máis simple que evita centos de papeis”, dixo Blanco. “Agora podemos saber con que orzamento podemos contar co cal só podemos felicitar a Deputación e convidar a que continúen neste camiño”, engadiu o alcalde que aplaudiu que, nesta ocasión, “non se fale xa de posibilidades senón de proxectos” e citou, neste sentido, a senda de San Xiao, o proxecto de estrada do Feal ou a estrada do Trece.

Á xuntanza asistiron, ademais da vicepresidenta e o alcalde, o tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, o portavoz do BNG, Pablo Villamar, o portavoz do PP, Marcos López e a portavoz do PSOE, Catalina García.

Despois da reunión, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, visitou o Pazo da Cultura xunto coa concelleira Marián Ferreiro e Pablo Villamar.

21 de decembro de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.