publicidade hoxe

O DOG publica a transferencia da titularidade dun muro na estrada AC-162 ao Concello de Sada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSada
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación por parte do Goberno galego do cambio de titularidade dun muro situado na marxe esquerda da AC-162, en torno ao PK 0+600, a prol do Concello de Sada (https://goo.gl/B4GV52).

En marzo de 2014 asinouse un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e o Concello de Sada cuxo obxecto foi a estabilización dun noiro situado na travesía de Sada, no PK 0+600 da estrada AC-162, que comunica Sada e Bergondo. No noiro producírase un desprendemento como consecuencia das intensas choivas e pola rotura dunha tubaxe municipal de abastecemento de auga existente baixo a beirarrúa.

Coa sinatura do convenio, a administración autonómica comprometíase a acometer as estruturas necesarias para a mellora da estabilidade do noiro.

A Xunta realizou un investimento de máis de 180.000 euros para a execución das obras, que se iniciaron en agosto de 2014 e consistiron na construción de tres paredes de coeira, que conforman dito muro, que sostén o noiro e a reposición do firme da vía anexa nunha lonxitude aproximada de 40 metros. O contrato de obras foi recibido polo Concello de Sada o 23 de febreiro de 2015.

En consecuencia, unha vez recibida a obra, a Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do muro situado na marxe esquerda da AC-162 en torno ao p.q 0+600, a prol do Concello de Sada.

A tenor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

Corresponderanlle ao Concello de Sada, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

13 de decembro de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.