publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación das expropiacións para a execución dunha senda para peóns e ciclistas na estrada PO-331 ata o CEIP de Atín, nos concellos do Porriño e Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosO PorriñoPontevedra
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se declara a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola construción dunha senda peonil e ciclista ao longo da estrada PO-331, no lugar de Atín, concretamente entre os puntos quilométricos 1+890 e 2+810, a o seu paso polos Concellos de Mos e O Porriño. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar esta información: goo.gl/KynZuB

Este proxecto para a construción do citado itinerario, que terá unha lonxitude de 1.033 metros, conta cun orzamento de case 500.000 euros.

O Decreto de Utilidade Pública comprende as expropiacións das 31 fincas necesarias para a execución dunha senda para uso peonil e ciclista na estrada PO-331 (Torneiros – Gondomar), que dará continuidade ao itinerario peonil existente no núcleo do Porriño (PK 1+850) ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín (PK 2+810). Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas de Galicia, que prevé a execución de 170 quilómetros de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe. Os itinerarios propostos para a comarca de Vigo foran presentados o pasado 16 de marzo pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, e suman 12 quilómetros en 11 novas sendas.

Características técnicas

A actuación iníciase na marxe esquerda da estrada, na que se construirá unha senda da 933 metros de lonxitude, desde o PK 1+850, nas proximidades do Colexio Santo Tomás no que finalizan as actuais beirarrúas, ata a ponte sobre a AP-9, pasando pola intersección existente coa estrada a Pereiras – Tameiga (PK 2+750). A senda terá un ancho mínimo de 1,8 metros e irá separada da calzada por unha banda verde nos tramos que é posible.

Pola marxe dereita da estrada, a obra terá unha lonxitude de 200 metros e comezará na intersección coa estrada municipal Pereiras- Tameiga, dado que ata este punto xa existe beirarrúa. A senda nesta marxe desviarase da estrada nos últimos 80 metros ata o acceso ao centro escolar de Atín. Neste último tramo terá un ancho de 3 metros.

Coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da vía que comunicará os dous centros de ensinanza co Porriño.

Cómpre lembrar que tamén se proxecta a mellora da intersección entre a PO-331 e a estrada Pereira – Tameiga, na que se construirá unha semiglorieta para facilitar os xiros á esquerda neste punto.

A obra complétase coa colocación dunha rede de saneamento e doutra para pluviais en todo o tramo obxecto da actuación, e tamén co alumeado da senda prevista na marxe dereita da estrada ata o CEIP de Atín.

22 de decembro de 2016 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.