publicidade hoxe

O DOG licita obras de mellora do saneamento en Mos, Porto do Son e A Peroxa por 1,3 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PeroxaLocal PortadaMosPorto do Son
A-
A+

A Xunta de Galicia licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2iHyhlw) tres contratos de obra pública, destinados a mellorar o saneamento dos concellos de Mos, Porto do Son e A Peroxa. A suma das tres actuacións ascende a un orzamento duns 1,3 millóns de euros.

No caso de Mos, investiranse 500.000 euros na execución de nove ramais de colectores que finalizan nun pozo de bombeo e a súa correspondente impulsión. Con esta obra conectarase á rede o núcleo de vivendas de Reublín, na parroquia de Pereiras. Esta actuación correspóndese ao compromiso acadado, e formalizado, entre a Consellería de Medio Ambiente e o Consorcio do Louro para acometer distintas actuacións que permitan mellorar o saneamento deste río e as súas masas de auga.

A Porto do Son destinaranse máis de 450.000 euros para a execución das obras de saneamento do núcleo de Caamaño e para mellorar e ampliar a EDAR de Xuño. Estas obras comprenden as actuacións precisas para a posta en servizo efectiva da EDAR de Xuño, xa que é necesario actuar na depuradora e realizar a conexión coas parroquias de Xuño e Caamaño, onde reside a poboación que pretende servir.

En concreto, os traballos incluirán unha serie de arranxos e a execución de instalacións novas na infraestrutura xa existente da EDAR. Ademais, acometerase a conexión desta depuradora cos núcleos de Xuño e Caamaño a través de tres tramos de colectores por gravidade dunha lonxitude total de 788 metros, e dun novo bombeo

Xa por último, o DOG licita tamén hoxe as obras de mellora do saneamento dos núcleos de Toubes e Cinconogueiras, no concello da Peroxa. Contarán cun orzamento de máis de 400.000 euros e teñen como obxectivo garantir aos veciños un sistema de saneamento axeitado, que solucione os problemas de vertidos ao medio e evitar así posibles problemas de salubridade.

A parroquia de Toubes non dispón actualmente de rede de saneamento, polo que se proxecta executar unha e instalar un sistema de depuración de augas residuais. Con esta actuación, definirase unha rede de saneamento e diversas conducións que recollerán as augas residuais do conxunto de núcleos e que será transportada ata o novo sistema de depuración que se situará no núcleo de Outeiro, xusto augas abaixo da confluencia do río da Barra co Río Armental.

Por outro lado, o núcleo de Cinconogueiras dispón dunha rede de saneamento que non está completa, así que se proxecta completar a actual rede existente cun colector de saneamento que recolla as augas residuais e instalarase unha pequena estación depuradora que trate as augas antes de verter ao medio. No caso de Cinconogueiras a rede de saneamento proxectada esta formada por unha única condución de case 300 metros e ten como función a recollida das augas residuais das vivendas da parte este do núcleo de Cinconogueiras que actualmente non dispón deste servizo.

Para estas tres actuacións, a data límite de presentación de ofertas será o próximo 26 de xaneiro. Ademais, todas eslas estarán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

29 de decembro de 2016 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.