publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DAC-Outono Cultural leva a “Gala da Irmandade” a Padrón e Arzúa esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaAxenda e CulturaPadrón
A-
A+

O DAC_OutonoCultural, o programa de espectáculos que desenvolve a Deputación da Coruña para achegar as figuras de Castelao, Irmandades da Fala e Manuel María a un público de todas as idades en 18 concellos da provincia, representará mañá venres ás 20.00 horas no auditorio municipal de Padrón e o domingo ás 18.00 horas na Casa de Cultura de Arzúa un dos pratos fortes da programación, a “Gala da Irmandade”, un espectáculo que tamén se poderá ver no edificio multiusos de Santa Comba o domingo 18 de decembro ás 19.00 horas.

Baseándose no ideario e a historia das Irmandades da Fala, A Gala da Irmandade traslada á rúa esa marabillosa unión, forza e sinerxía que supuxeron para o país as Irmandades, unindo artistas de renome en diferentes artes e disciplinas até a contemporaneidade.

A obra conta cun elenco de grupos e artistas de primeira fila ademais dun artista ou colectivo do tecido local que estará presente na gala, achegando a súa calidade dende un concepto aberto no que se mesturarán diferentes artes: música, teatro, poesía, pintura…

Na Gala da Irmandade participa a compañía ‘Maquinaria pesada’, a banda de Alonso Caxade coa súa música ao vivo, ‘Os Quinquilláns’, Mago Teto, ‘Boneca Lareta’ de Luís Iglesia e Xabier Deive, Mónica de Nut e Ánxela Blanco, ademais dunha representación de artistas de cada localidade.

Centros de ensino

O auditorio municipal da localidade padronense tamén acolle hoxe as obras “Retrincos de Castelao” e “O Conto de Barriga Verde” dirixidas aos nenos e nenas do CEIP Flavia e do IES Macías O Namorado, a segunda ás 10.00 e a primeira ás 12.30 horas.

Estes espectáculos tamén se celebraron nos centros educativos de Arzúa o pasado xoves 10 de novembro e chegarán o vindeiro 12 de decembro a Santa Comba, dirixidos ao alumnado da localidade.

A vicepresidenta da Deputación explicou recentemente os obxectivos deste ambicioso programa, “que se pon en marcha a través de catro espectáculos de primeiro nivel: “Barriga Verde”, “Retrincos de Castelao”, “Menú da fala” e “Gala da Irmandade”, utilizando como espazos escénicos os centros educativos de Primaria e Secundaria, Casas de Cultura, Auditorios e a propia rúa nos concellos de Negreira, Ames, Narón, Arzúa, Betanzos, Carballo, Cee, Melide, Muros, Noia, Oleiros, Ordes, Padrón, Ribeira, Santa Comba e Vimianzo, además de Ortigueira e As Pontes.

O Dac-OutonoCultural procurará tamén a implicación do mundo cultural local en cada un dos concellos, a través das asociacións das localidades que compoñerán o vídeo viral de cada localidade creado arredor dun poema de Manuel María que servirá tamén para difundir o programa.

Material promocional

Ademais de diverso material promocional, o DAC Outono Cultural distribúe un “xogo da oca” personalizado con preguntas relacionadas coa temática do Programa, en especial coas Irmandades, Manuel María e Castelao, nos centros educativos e un xogo de lapis.

1 de decembro de 2016 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.