publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural destaca a importancia das asociacións de mulleres para fomentar a igualdade de oportunidades no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTrazo
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á asociación Amuga de Trazo.

Ángeles Vázquez na visita á asociación Amuga de Trazo.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, coñeceu esta mañá as integrantes da asociación “Amuga de Trazo”, onde destacou a importancia destes colectivos femininos para fomentar a igualdade de oportunidades no rural. Ademais, a conselleira resaltou o carácter emprendedor e empresarial destas mulleres, pois son quen de conciliar a vida familiar coa laboral no agro.

A conselleira mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Trazo, José Dafonte, para analizar as actuacións da Consellería neste concello coruñés, en especial as relativas á reestruturación parcelaria, plan marco de camiños e plan de emerxencias. Posteriormente aproveitou a súa estancia para coñecer de primeira man o funcionamento da asociación “Amuga de Trazo” e aproveitar para felicitar as súas 8 integrantes, todas elas residentes no rural e propietarias de explotacións gandeiras, a excepción dunha delas.

Ángeles Vázquez animounas a seguir apostando polo medio rural galego, polas oportunidades que ofrece o noso campo e por lidiar coa vida familiar e laboral, sendo un exemplo de fortaleza para moitos. A conselleira trasladoulles a priorización de medidas de apoio do seu departamento a prol deste tipo de colectivo, pois trátase dun elemento clave para o desenvolvemento do agro e o afianzamento da poboación neste medio.

Explotación gandeira

Trala presentación, a conselleira visitou a explotación gandeira dunha integrante desta asociación, situada no lugar de Vilar, na parroquia de Campo. Trátase da Sociedade Agraria de Transformación “Casa Fernando”, a cal está integrada por tres socios e conta cun total de 344 animais para a produción de leite.

Esta SAT recibiu unha axuda da Consellería de algo máis de 53.000 euros para plans de mellora, co fin de crear unha sala de partos e unha fosa de purín. Neste senso, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez destina para 2017 un orzamento de 65 millóns de euros en axudas para modernización e mellora das explotacións (40 millóns), instalación de agricultores mozos (20 millóns) e tamén de pequenas explotacións (5 millóns).

19 de decembro de 2016 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.