publicidade hoxe

Marisol Díaz Mouteira supervisa obras de reparación no rural do concello dos Blancos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOs Blancos
A-
A+
Marisol Díaz na visita ao Concello dos Blancos

Marisol Díaz na visita ao Concello dos Blancos

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada polo tenente de alcalde dos Blancos, Alfonso García Rodríguez, e polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Yago Borrajo, supervisou esta mañá as obras de mellora de firme en varios núcleos do municipio, no marco do Plan de emerxencias 2016.

Estas obras supuxeron un investimento de preto dos 60.000 euros, que contribuirán a mellorar os desprazamentos dos veciños que residen no lugar e incidir así, positivamente, na súa calidade de vida.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de emerxencias, posto en práctica para arranxar camiños, pontes e infraestruturas rurais que sufriron deterioro a consecuencia das condicións climatolóxicas adversas dos pasados invernos e que necesitan ser reparadas.

Os concellos da provincia de Ourense beneficiaranse este ano dunha achega total de máis de 770.000 euros dentro deste plan para a mellora, arranxo e posta en valor de camiños municipais. O Plan de emerxencias prevé un investimento total, no conxunto de Galicia, de algo máis de 2,8 millóns de euros.

Neste caso, as actuacións en Os Blancos tiveron un prazo de execución de dous meses e consistiron na reposición do firme, actualmente moi deteriorado, que se substituirá por un novo pavimento, e na colocación de arquetas para as acometidas da rede de abastecemento de augas, entre outras intervencións. Os núcleos beneficiados por este plan foron: Soutelo, Nocedo de Ribeira, Fontearcada, Pixeirós, Noveas e Loureses.

28 de decembro de 2016 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.