publicidade hoxe

López-Chaves visita o centro de atención a persoas con discapacidade de Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, trasladouse ata o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela para saudar aos seus internos e felicitarlles as festas de Nadal.

Ubicado en Chapela, trátase dun centro dependente da Consellería de Política Social que está destinado a persoas con discapacidade intelectual profunda, severa e media con discapacidade física, psíquica e/ou sensorial grave asociada e con idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos. O número total de residentes na actualidade en réxime de internado ascende a 117, podendo alcanzar os 120, ademais de ter 3 residentes en réxime de media pensión ou centro de día.

Acompañado polo director do centro, César Corbacho, e a xefa territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias, o delegado comprobou coma o obxectivo xeral do centro é proporcionar a asistencia básica para cubrir e proporcionar o maior benestar aos residentes, tratando de alcanzar o maior desenvolvemento posible do seu potencial evolutivo mediante unha programación individualizada.

Deste xeito, a participación en actividades culturais, deportivas e de lecer e tempo de libre supoñen un alicerce básico para alcanzar o obxectivo xeral. Estas actividades favorecen a estimulación cognitiva, sensorial e/ou física e facilitan a adquisición de habilidades sociais, entre outras. Seguindo esta liña, durante todo o ano realizan este tipo de actividades, tanto dentro do propio centro como fora do mesmo con participación en actividades de vela, equinoterapia, saídas ,visitas, actividades en piscina, etc.

De feito, a visita do delegado levouse a cabo durante a celebración da festa de Nadal organizada polo propio centro para todos os seus usuarios e familiares, actos que agradecen porque favorecen a evolución cognitiva dos residentes. Pero coma destacou o delegado, “todo este esforzo non sería posible sen a colaboración da ANPA xunto co resto de familiares dos residentes, traballadores do centro e apoio dos responsables da Consellería”

27 de decembro de 2016 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.