publicidade hoxe

López-Chaves reúnese co alcalde de Cangas para falar do transporte metropolitano de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe un encontro institucional co alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, con motivo do seu nomeamento o pasado 21 de novembro.

No transcurso do encontro, delegado e rexedor estudaron os proxectos que están en marcha na comarca agora mesmo en materia de infraestruturas, como é o caso das obras da Autovía do Morrazo, así coma os investimentos que neste ámbito da mellora da mobilidade están previstos nos orzamentos do ano 2017 e que chegan aos 22 millóns de euros. En total, coma lembrou o delegado, as previsións estiman un investimento superior aos 55 millóns de euros neste ámbito de mellora das estradas. “A maior inversión de toda Galicia está na comarca do Morrazo”, valorou López-Chaves.

Neste senso, explicou que tamén trataron a situación actual do proxecto da circunvalación de Cangas. Segundo informaron tanto o alcalde coma o delegado, o proxecto está a ser analizado polos técnicos posto que o documento presentado para levar a cabo a obra “triplica” o orzamento previsto. “De 2,4 millóns se pasa a 6,7 millóns de euros”, sinalou López-Chaves, quen especificou que é debido á situación do terreo atopado e a cimentación que suporía a solución técnica. “O proxecto recibiuse no mes de outubro e se está a estudar porque pasa por un terreo con moita auga e a cimentación disparou o proxecto”, explicou o delegado. Aínda así, insistiu no feito de que a comarca recibirá no vindeiro ano 22 millóns de euros para a mobilidade nas estradas.

Boa parte do encontro, que o alcalde de Cangas cualificou de “cordial”, centrouse tamén na incorporación do Concello de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. López-Chaves insistiu na necesidade e importancia de que o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, cumpra co acordado o pasado 22 de febreiro nunha reunión cos 14 alcaldes da área ademais de co convenio rubricado entre Xunta e Concello o pasado 6 de xullo.

De feito, o delegado lembrou a existencia de dito convenio no que “se beneficia a todos os veciños da área e aos de Cangas especialmente” na medida en que “non pagarían os transbordos que a día de hoxe están a pagar cando chegan á estación marítima de Vigo. “Se collen un Vitrasa están a pagar 1,32 euros cando non deberían pagar nada”, lembrou López-Chaves, quen sinalou que esta situación xa está prevista e así se recolle no convenio firmado co Concello de Vigo. “Son dereitos dos veciños de Cangas que xa están recollidos no convenio e o que defendemos é que se Abel Caballero firmou un documento onde pon que o transbordo é o prezo do urbano de 0,86 euros, ten que cumprilo”, dixo o delegado, quen insistiu ademais que coa incorporación de Vigo nos termos establecidos, “o uso da TMG na cidade olívica significa que os veciños e veciñas de Cangas paguen 0,86 euros en calquera percorrido pola cidade” que non supoña un transbordo.

A día de hoxe son un total de 9.871 tarxetas TMG as expedidas soamente no Concello de Cangas para beneficiarse do Transporte Metropolitano, o que significa que estes veciños e veciñas contan xa con importantes descontos nos seus traxectos interurbanos que poderían chegar a ser maiores se o Concello de Vigo cumprise co convenio firmado e se incorporase de forma efectiva ao PTM.

De feito, López-Chaves chegou a cuantificar nunha media de 600 euros o que están a pagar a día de hoxe de máis os veciños e veciñas de Cangas que non poden utilizar o transbordo gratuíto unha vez que chegan a Vigo. “Pelexemos por cumprir ese convenio. Cangas está a pagar os desprazamentos, en cambio Vigo non está a pagar nada. O veciño que chega ao Concello de Vigo e logo colle un Vitrasa tería que pagar 0 euros e agora está a pagar 1,32. Non pode haber veciños de primeira e de segunda categoría”, finalizou o delegado.

20 de decembro de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.