publicidade hoxe

López-Chaves mantén un encontro institucional co alcalde de Soutomaior para analizar a situación da área metropolitana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSoutomaiorVigo
A-
A+
López-Chaves na reunión co alcalde de Soutomaior

López-Chaves na reunión co alcalde de Soutomaior

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe un encontro institucional co alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, con motivo do seu nomeamento o pasado 21 de novembro.

No transcurso da reunión, alcalde e delegado analizaron polo miúdo as principais obras executadas e que contaron coa colaboración da Xunta nos últimos meses, coma foi o caso do novo parque infantil de Arcade ou as dúas sendas peonís e ciclistas na PO-244, pero tamén os novos proxectos que nestes momentos ten o Concello de Soutomaior enriba da mesa, coma o Obradoiro de Emprego Hostalería Verdugo –que se iniciará nas vindeiras semanas- o saneamento en Pereira (barrio de Rial) e as obras do novo IES de Soutomaior, que xa se atopan en execución e que contan cunha importante partida económica nos Orzamentos do ano 2017.

A obra de construción do novo IES de Soutomaior comezou o pasado 24 de setembro e conta cun prazo de execución de 18 meses. O seu investimento supera os 5,3 millóns de euros. O obxectivo desta actuación é dar resposta ás necesidades crecentes de prazas de escolarización do concello ademais de contribuír a desconxestionar o actual CPI Manuel Padín Truiteiro, permitindo que este centro se centre nas ensinanzas de infantil e primaria.

Terá capacidade para 480 alumnos, con 12 unidades de ESO e 4 de Bacharelato. Albergará 16 aulas polivalentes, 3 aulas de desdobre e 2 de apoio educativo, aula taller de tecnoloxía, aula de música, aula de informática, aula de plástica, biblioteca, 4 seminarios, 3 laboratorios, ximnasio, vestiarios e aseos, así como zona de administración con despacho de dirección, xefatura de estudios e secretaria, sala de profesores, despacho de orientación, sala de ANPAS e sala conserxería. Ademais, contará con zonas de servizos comúns como cafetería, sala polivalente así como cuartos de instalacións e de lixo.

Área e Transporte Metropolitano

O alcalde tamén lle trasladou ao delegado o seu malestar pola situación actual na que se atopa a Área Metropolitana e o incumprimento, por parte do alcalde de Vigo, de incorporarse ao Plan de Transporte Metropolitano coma condición previa para a posta en marcha da Área Metropolitana.

López-Chaves sinalou que é unha “situación inexplicable” posto que os veciños e veciñas de Soutomaior están a perder importantes descontos –que chegarían a superar os 500 euros anuais- pola negativa de Vigo a incorporarse ao PTM coma así comprometeu, e mesmo rubricou, ante aos rexedores da área o pasado 22 de febreiro e coma tamén acordou coa firma do convenio o pasado 6 de xullo.

É por isto polo que reclamou que “non haxa discriminación” entre os veciños e veciñas de todos os concellos da área e que “todos poidan disfrutar en igualdade de condicións do transporte metropolitano e que funcione coma funciona en todas as cidades de Galicia”.

7 de decembro de 2016 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.