publicidade hoxe

López-Chaves mantén un encontro institucional co alcalde de Baiona para analizar a situación da Área Metropolitana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaiona
A-
A+
López-Chaves no encontro co alcalde de Baiona

López-Chaves no encontro co alcalde de Baiona

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe un encontro institucional co alcalde de Baiona, Ángel Rodal, con motivo do seu nomeamento o pasado 21 de novembro.

No transcurso da reunión, alcalde e delegado analizaron polo miúdo as principais obras que se atopan en marcha e que contan coa colaboración da Xunta, coma é o caso dos traballos no CEIP Fontes Baíña, en Covaterreña ou na nova oficina de turismo. Ademais, fixeron un repaso polas vindeiras obras que están a piques de iniciarse para o ano 2017, como por exemplo as obras da II fase do plan Hurbe na travesía de Sabarís; a execución das dúas sendas na travesía de Baiona -a PO-552- ou a mellora do saneamento en Santa Marta. En definitiva, investimentos que chegan case aos 2 millóns de euros para o vindeiro ano 2017.

Tamén tiveron verbas especiais para os traballos de sinalización do Camiño Portugués pola Costa e o que supón para o turismo na Vila Real. “Baiona é un concello turístico e vemos a aposta do goberno local por este sector”, valorou o delegado, quen a continuación destacou a boa colaboración existente entre ambos gobernos. “Cando hai relación entre administracións é máis fácil executar as obras”, considerou López-Chaves.

Área e Transporte Metropolitano

Outro dos asuntos que trataron foi a situación da Área e do transporte metropolitano, aspecto no que o alcalde lle trasladou “a súa queixa” polo incumprimento por parte do alcalde de Vigo de incorporarse ao Plan de Transporte Metropolitano coma condición previa para a posta en marcha da Área Metropolitana.

López-Chaves sinalou que a actitude de Abel Caballero de “non cumprir o que firma” e de “non aplicar as vantaxes” do Transporte Metropolitano de Galicia (TMG) a Vigo e da área soamente leva a que haxa “discriminación” entre os cidadáns de todos os concellos. “É un incumprimento da súa palabra e da súa firma”, sinalou o delegado, quen explicou que nestes momentos os veciños e veciñas de Baiona “están discriminados pagando un billete que non deberían pagar”. Deste xeito, os baioneses e os cidadáns da área están a perder importantes descontos –que chegarían a superar os 500 euros anuais- pola negativa de Vigo a incorporarse ao PTM coma así comprometeu o alcalde de Vigo ante aos rexedores da área o pasado 22 de febreiro e coma tamén rubricou co convenio para incorporarse ao Plan de Transporte Metropolitano o pasado día 6 de xullo. É por isto polo que reclamou que todos os concellos da área poidan disfrutar en igualdade de condicións do transporte metropolitano e que funcione coma funciona en todas as cidades de Galicia.

9 de decembro de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.