publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo enxalza o novo acceso ao porto de Burela e o remate da vía de altas prestacións entre Celeiro e San Cibrao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+
Feijóo na inauguración do acceso ao porto do Burela. Foto: C. Paz

Feijóo na inauguración do acceso ao porto do Burela. Foto: C. Paz

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a importancia estratéxica que o novo acceso ao porto de Burela e o remate, proximamente, da vía de altas prestacións entre Celeiro e San Cibrao suporán para a actividade económica da Mariña.

Durante a posta en servizo do novo acceso ao porto, Feijóo subliñou, nun primeiro termo, que con esta infraestrutura “abrimos un novo camiño directo entre o mar de Burela e o resto de Galicia e Asturias, facilitando o tráfico relacionado coa actividade portuaria e, ao mesmo tempo, eliminando a invasión de camións das rúas que deben servir, en exclusiva, á vida urbana dos veciños”.

Nesta mesma liña, lembrou que se trata de unha obra “demandada, moi agardada e sobre todo, necesaria” para seguir alimentando esa simbiose tan proveitosa entre Burela e o mar, sen que para iso os seus habitantes paguen como peaxe as molestias e incomodidades do tráfico pesado.

“Estamos, polo tanto, ante unha aposta por seguir impulsando a actividade pesqueira da Mariña; por consolidar Burela como porto comercial de referencia e por facer todo iso compatible coa calidade de vida dos veciños deste municipio”, redundou, ao que engadiu que, cun investimento de máis de 8 millóns de euros, se trata dunha vía de comunicación que minimiza o seu impacto ambiental, que é coherente coas previsións do planeamento urbanístico municipal, que cumpre coas cautelas marcadas en relación co castro do Campón e que inclúe un paso inferior para salvar a liña do Feve, que foi, ademais, desprazada.

Reforzar a competitividade do porto de Burela

O responsable do Executivo autonómico incidiu en que este novo acceso chega para reforzar a competitividade dun porto puxante. Non en van, cómpre resaltar que Burela é sinónimo do mellor bonito do norte, de xarda, de pescada, de sardiña, de conservas excelentes e de moitos outros produtos de primeira calidade que chegan do océano ata un dos portos máis importantes da cornixa Cantábrica.

Nos seus peiraos descárganse anualmente unha media de 25.000 toneladas de peixe, acadando unha facturación de 67 millóns de euros en cada exercicio. E na actualidade é o cuarto porto galego en volume de descargas e o segundo en facturación, só por detrás de Vigo.

“Estamos a falar, polo tanto, dun novo acceso á dársena que chega para reforzar a súa posición de liderado tanto no plano pesqueiro como desde o punto de vista loxístico e mercantil”, dixo, precisando que, grazas á nova conexión, se verá mellorado o movemento comercial de pesca no porto, facilitando a circulación do peixe que chega por estrada procedente doutros peiraos, así como do que sae tamén por vía terrestre cara aos mercados centrais ou cara aos portos da Coruña e Vigo para a súa segunda venda.

Esta nova infraestrutura servirá ademais de pulo ao movemento doutras mercadorías, axudando especialmente ao tránsito dos camións de madeira. E contribuirá a aproveitar a potencialidade loxística e operativa do porto, integrando na oferta de solo empresarial desta localidade o espazo dispoñible do porto.

Remate da vía de altas prestacións entre Celeiro e San Cibrao

No tocante á vía de altas prestacións entre Celeiro e San Cibrao, Feijóo recordou que esta infraestrutura, que se rematará nas vindeiras semanas, supón un investimento público de 50 millóns de euros executados en plena recesión económica.

Así mesmo, asegurou que ademais de axudar o dinamismo dos peiraos de Viveiro e Cervo, beneficiará de forma importante aos veciños de Xove, liberados tamén, como os de Burela, do paso diario dun intenso volume de tráfico pesado.

O titular da Xunta rematou a súa intervención referíndose a outra infraestrutura que está tamén en plena execución: a ampliación e mellora do Hospital da Costa. Un proxecto destinado a dotar a Mariña lucense dun hospital de referencia máis grande e máis moderno, accesible e mellor adaptado ás necesidades de pacientes e profesionais.

1 de decembro de 2016 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.