publicidade hoxe

EQUINA celebrará do 15 ao 18 de xuño unha nova edición que ampliará a súa duración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 15 ao 18 de xuño unha nova edición do evento ecuestre EQUINA, o cal volverá a estar protagonizado polos cabalos de pura raza española.

Organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), EQUINA 2017 terá como eixo central a celebración do III Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, unha proba morfofuncional na que se valorará tanto a morfoloxía dos exemplares participantes como os seus movementos.

Este concurso, que terá lugar no ring hípico do recinto feiral, será clasificatorio para a final do Campionato de España que se celebrará no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB), que ten lugar en Sevilla.

Nesta competición participarán exemplares procedentes de distintos puntos de España, moitos deles pertencentes a criadores de renome que garantirán a relevancia e atractivo desta cita ecuestre. Incluirá distintas seccións de poldros, poldras, eguas e cabalos. 

Un día máis de duración 

Na segunda edición deste Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, que se celebrou entre o 17 e o 19 de xuño deste ano, competiron 160 exemplares de numerosos puntos de Galicia e doutras seis comunidades. Unha gran participación que fai necesaria a ampliación de EQUINA nunha xornada para que todos os participantes dispoñan do tempo e o espazo necesario para a realización das súas probas. 

Así pois, nesta edición de 2017 EQUINA pasará de tres a catro días de duración, nos cales ademais deste concurso tamén se levarán a cabo outras actividades relacionadas cos cabalos de pura raza española.Estas definiranse nos vindeiros meses.

14 de decembro de 2016 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.