publicidade hoxe

Cores Tourís analizou cos rexedores do Grove, Barro e Vila de Cruces as necesidades dos seus municipios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroO GrovePontevedraVila de Cruces
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional aos concellos do Grove, Barro e Vila de Cruces onde mantivo unha entrevista cos seus alcaldes, os que lle transmitiron as principais preocupacións dos municipios en relación á actividade da administración autonómica.

O delegado territorial continúa así, tras tomar posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

Entre os temas analizados polo alcalde do Grove co responsable territorial atópase a solicitude dun novo centro de saúde para esta vila, e neste senso, o alcalde pediulle ao delegado territorial a súa mediación de cara a manter unha reunión co conselleiro de Sanidade e expoñerlle a situación do proxecto.

Por outra banda, tamén trasladou a Cores Tourís a necesidade de reorganización da zona portuaria así como a instalación dun paso de peóns con semáforo de pulsador na entrada da vila en Ardia.

Finalmente, o rexedor do Grove mostrouse moi interesado en que tanto o concello como a Xunta e a Deputación de Pontevedra continúen a colaborar conxuntamente para manter o GES do Grove de cara a poder atender as emerxencias que xurdan neste municipio.

Barro

Pola súa banda, o alcalde de Barro, centrou o seu interese no avance da tramitación das concentracións parcelarias que se atopan activas no municipio: Agudelo-Barro-Valiñas, que se atopa en fase de acordo; a de Perdenai-Barro II, en fase de bases definitivas; e finalmente, a de Curro-Portela, que está en fase de bases provisionais.

O rexedor recoñeceu o traballo desenvolvido neste ámbito e solicitou que se continuara a axilizar esta tramitación, manifestando o delegado territorial, pola súa banda, que se trata dunha “parcelaria de gran complexidade, xa que estamos a falar de unha dimensión moi grande de terrei con un elevado número de propietarios e a pesar diso, puidemos lograr grandes avances neste eido”, explicou Cores Tourís, quen recordou os investimentos realizados como o millón de euros destinados as obras de camiños en Perdecanai.

Por outra banda, Fernández Abraldes tamén solicitou que se siga a colaborar co concello en relación ao centro de saúde, con máis de 3.700 usuarios, onde, nos últimos tempos cambiouse as portas e o mobiliario. O alcalde insiste na necesidade de mellorar á accesibilidade a este edificio e de que se tome en conta ao concello cando se decida levar a cabo un novo paquete de transferencias de centros de saúde á Xunta.

O alcalde tamén realizou solicitudes en relación as infraestruturas, destacando a necesidade de bacheo que ten algúns puntos do Camiño de Santiago ao seu paso polo concello. Por outra banda, mostrou a súa satisfacción polo avance das obras de mellora da PO-531, especialmente no caso da rotonda de acceso ao polígono de Sequeiros, xa que a Axencia Galega de Infraestruturas acaba de convocar aos titulares de bens e dereitos afectados para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación de cara a poder levar a cabo as expropiacións necesarias para executar esta obra.

Finalmente, Abraldes demandou tamén colaboración da Xunta de Galicia de cara a seguir loitando contra os niños de avespa velutina, especialmente os que se atopan en lugares moi elevados, xa que consideran que está a causar danos entre os apicultores da comarca.

Vila de Cruces

Finalmente, o rexedor de Vila de Cruces, Jesús Otero, analizou con José Manuel Cores Tourís, a necesidade de continuar co saneamento do municipio, en concreto nas parroquias de Cornazo, Grez e Añobre a través dun proxecto que suporía un investimento de 1,6 millóns de euros. Ademais, tamén fixo fincapé na mellora da estrada que une Vila de Cruces con Ponte Ledesma, recordando que o tramo de Boqueixón xa foi reparado e que agora sería necesario continuar coa mellora. En relación a esta estrada tamén solicitou que se executen dúas sendas peonís, unha en Merza e outra en Sabrexo, xa que por ambas poboacións atravesa a estrada de titularidade autonómica.

En relación ao polígono empresarial, matizou a necesidade darlle un pulo a estos terreos clasificándoos de industriais, de cara a poder poñer en marcha proxectos de novas empresas e firmas nesta área sen ter que esperar a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

E finalmente, o alcalde destacou a importancia de apostar polo turismo rural, e neste senso, insistiu en que un dos embalses sexa catalogado como coto de pesca intensiva de salmón ou troita, “aínda que nós consideramos que o máis adecuado é o de Touro porque atraería turismo para toda a comarca, non só para o noso concello”.

Pola súa banda, o delegado territorial, destacou a importancia de continuar a traballar para ofrecer servizos aos concellos do rural de cara a fixar poboación e atraer a novos veciños, “e neste senso, recollemos a demanda do grupo de Goberno local de Vila de Cruces e dende logo consideramos esencial que se poñan en marcha medidas de políticas agroforestais e agroindustriais para potenciar estos municipios”. Neste senso, destacou a importancia de mellorar servizos como os de saneamento e infraestruturas solicitados polo alcalde, así como a creación de centros de día, “que facilitan a conciliación da vida familiar y laboral”.

2 de decembro de 2016 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.