publicidade hoxe

Cores Tourís analiza cos rexedores de Arbo e Tui as demandas dos municipios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArboTui
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional aos concellos de Arbo e Tui onde mantivo unha entrevista cos seus alcaldes, que lle transmitiron as principais preocupacións dos municipios en relación á actividade da Administración autonómica.

O delegado territorial continúa así, tras tomar posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

En Arbo, Horacio Gil trasladou a Cores Tourís a demanda de que se licite canto antes a rotonda da PO-400 no cruce de acceso ao Couto e o núcleo da Vila, “xa que se trata dunha demanda moi necesaria para esta zona do municipio”. O alcalde agradeceu a colaboración neste eido da Consellería de Presidencia, na reforma da rúa Antonio Tobar por 201.000 euros, “aínda que necesitaríamos un investimento a maiores de 165.000 para que a obra se puidese completar”.

Outra solicitude foi a posible axuda económica dende a Administración autonómica para reparar os accesos aos núcleos de poboación por dúas estradas que seguen cortadas tras os temporais do pasado inverno, en Paravedra e Rocha-Tabirós, así como a reparación da ponte de San Xoán, danado tamén pola mesma causa e que presenta problemas estruturais.

Ademais, en relación ás infraestruturas, o rexedor recordou a solicitude formulada á conselleira de Medio Rural de cara a que se melloren tamén ós accesos a Cela, “xa que non só é complicado que accedan os veciños, senón tamén os propios servizos de emerxencias, tanto ambulancias coma medios terrestres de loita contra os incendios, como ocorreu este pasado verán”.

De feito, o alcalde recordou que “Arbo viviu un ano moi malo, non só cos danos causados polos temporais do inverno, senón despois polos incendios vividos en agosto”. Isto fixo que o Concello tivese que facer un esforzo económico importante, destinando recursos propios para recuperar infraestruturas e servizos danados.

Neste senso, agradeceu á Xunta a súa colaboración para acometer obras urxentes na localidade, lamentando tamén que outras institucións, como a Deputación, non o entenderan igual.

Da mesma opinión foi o delegado territorial, quen destacou que mentres o Goberno Central e a Xunta colaboraron economicamente para repoñer servizos e estradas danadas por temporais e incendios, “a Deputación provincial non o fixo, e os concellos tiveron que afrontar as obras nas estradas provinciais, o que nos parece inaceptable”.

Tui

Pola súa banda, o alcalde de Tui interesouse polos avances no enlace do polígono de Areas, proxecto que, tal e como lle trasladou Cores Tourís, atópase moi avanzado. Neste punto conflúen a futura VAC á Guarda, a autovía A-55 que enlaza Vigo con Portugal, a N-551 que une Tui coa Ponte Internacional e a PO-552 que vertebra o Baixo Miño e conecta o polígono empresarial.

Tamén expuxo o rexedor a necesidade de que se axilice a execución da rotonda de acceso á EDAR de Guillarei, de cara a mellorar a seguridade viaria neste punto, así como que a Consellería de Educación analice a viabilidade da execución dun novo colexio de liña I en Pazo de Reis, toda vez que na anterior lexislatura xa se conseguiran os terreos necesarios para executar esta obra.

Por outra banda, o alcalde asegurou que existe demanda para unha segunda escola infantil nesta localidade, cuestión que manifestou ao delegado para ver a súa viabilidade.

Finalmente, Enrique Cabaleiro tamén preguntou pola tramitación do Plan Especial do Conxunto Histórico, transmitíndolle Cores Tourís que a Xunta, a través de Patrimonio, realizou varias alegacións que foron trasladadas ao Concello. “Agora agardamos que o Municipio dea resposta a estas alegacións e sexas devoltas á Xunta”, explicou o delegado territorial.

5 de decembro de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.