publicidade hoxe

Comezan os trámites de expropiacións para as obras da travesía na DP 3604 San Xoán de Filgueira a Catabois, en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar o anuncio do levantamento de actas previas á ocupación dos terreos dos 55 predios lindeiros coa estrada DP 3604 San Xoán de Filgueira a Catabois, no termo municipal de Ferrol, para realizar as expropiacións necesarias para iniciar as obras de mellora desta travesía, que suporán un investimento de máis de 835.000 euros para mellorar a seguridade de vehículos e peóns e humanizar o entorno.

En concreto, as obras terán un orzamento de 797.756,42 euros, mentres que se reservan outros 37.484,66 € para expropiacións. Os titulares das fincas, un total de 44 persoas físicas e xurídicas, foron citados para o día 20 de decembro, ás 16.30 horas, na sede da Asociación de Veciños Cruceiro de Santa Icía.

As obras consistirán en dotar ao vial actual, no tramo urbano que vai dende o punto quilométrico 0+900 ao 1+801, na cidade de Ferrol, de beirarrúas nos puntos onde non existen, así como o ensanchar o vial dende os 5,40- 6 metros actuais ata conseguir unha plataforma de 8 metros.

A actuación complétase coa creación de novas zonas de estacionamento de vehículos, canalización de pluvais e servizos afectados, nova sinalización vertical e horizontal e pavimentación da totalidade do tramo mediante o extendido dunha capa de mistura bituminosa en quente.

7 de decembro de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.