publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Comeza en Soutomaior o obradoiro ‘Hostalería Verdugo’ no que 20 veciños reciben formación e emprego durante 6 meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
López-Chaves na xornada inaugural do obradoiro

López-Chaves na xornada inaugural do obradoiro

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá, xunto ao alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, aos 20 veciños do municipio que durante os vindeiros 6 meses recibirán formación e emprego a través do obradoiro Hostalería Verdugo.

Esta iniciativa mixta de formación e emprego conta con dúas especialidades: operacións básicas de cociña e servizos de restaurante e bar para que os 20 alumnos e alumnas aprendan e traballen de forma práctica nunha ocupación encamiñada ao sector da hostalería. O fin deste programa mixto é a difusión da cociña típica do Concello e a promoción de bos hábitos alimenticios para pequenos e maiores. Ademais, coma outra particularidade importante, pretende ofrecer servizo de comedor social en colaboración con Cáritas. O persoal a cargo do curso está formado por un director, un titor, dous docentes e persoal administrativo de apoio.

Coma sinalou o delegado, a Xunta destina preto de 180.000 euros a este programa para o Concello de Soutomaior que xa tivo un precedente similar hai 6 anos co OOEE de Pedro Madruga. Esta formación impulsa tamén o emprendemento xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Ademais de recibir esta formación tamén percibirán o salario mínimo interprofesional e un certificado de profesionalidade ao remate do mesmo.

Doce OOEE nos concellos da área

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu este ano un total de 12 Obradoiros, que se diferenciaran en ordinarios e de garantía xuvenil, estes últimos para menores de 30 anos, en 10 concellos da área territorial de Vigo. Concretamente, foron 8 obradoiros ordinarios e 4 de garantía xuvenil cun investimento total de case 2 millóns de euros. O delegado resaltou este feito destacando a “preocupación” da Xunta de Galicia “pola creación de emprego”.

Os mesmos céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

As partidas orzamentarias que a Xunta destina para cada un dos obradoiros ordinarios son de 180.000 euros, como é caso de Soutomaior, e de 130.000 euros por cada obradoiro xuvenil, chegando a un total de 1.956.212,6 euros investidos nos 12 obradoiros dos concellos da área metropolitana. O delegado territorial resaltou que respecto ao ano anterior isto supón “un aumento das persoas beneficiarias” e a aposta do Goberno galego pola “formación e capacitación no traballo nos meses que duran estes programas”.

Destacou tamén a dobre finalidade destes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan formación” á vez que son “unha ocupación para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas desempregadas.

Ademais do Concello de Soutomaior, os municipios beneficiados da área metropolitana onde se impartirán os obradoiros son Vigo, O Porriño, Cangas, Mos, Moaña –Padroado Municipal de Beiramar-, Redondela e os tres concellos da Mancomunidade do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar). Os xuvenís terán lugar en Vigo, Redondela, Mos e Val Miñor. En total se ven beneficiadas 220 persoas en situación de desemprego das que 160 realizan as súas tarefas nos OOEE ordinarios e 60 nos de garantía xuvenil co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral.

19 de decembro de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.