publicidade hoxe

A Xunta inviste 1.100.000 euros en completar a rede de saneamento no concello de Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouroVedra
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita aos concellos de Vedra e Touro

Ovidio Rodeiro na visita aos concellos de Vedra e Touro

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá os concellos de Vedra e Touro, onde foi recibido polos seus respectivos alcaldes, Carlos Martínez e Ignacio Codesido. En Vedra, Ovidio Rodeiro interesouse polo investimento feito nos últimos anos pola Xunta en materia de saneamento, executado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Carlos Martínez e o delegado territorial falaron do proxecto que se está a redactar para a segunda fase do saneamento e depuración nas parroquias de Mamede e Santa Cruz, cun o orzamento de 700.000 euros. Este esforzo súmase aos 435.000 euros que a consellería xa ten destinado á primeira fase de saneamento, que consistiu na construción dunha EDAR e as primeiras conexións á mesma. O obxectivo agora é completar as ramificacións da depuradora para rematar a rede.

Ovidio Rodeiro e o alcalde tamén repasaron a construción da senda peonil entre San Gregorio e Rozadela, como parte do investimento de máis de 2,6 millóns de euros na construción de nove novas sendas seguras e sustentables na comarca de Santiago, e que sumarán 15,6 quilómetros de actuacións a cargo da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, ou das obras de acondicionamento do entorno da estación de ferrocarril de Santa Cruz, nas que a Xunta investiu 60.000 euros a través do Plan uRBE.

Touro completa a súa rede de sendas peonís

Tras da súa visita a Vedra, o delegado territorial da Xunta na Coruña desprazouse ao concello de Touro, onde intercambiou puntos de vista co seu alcalde, Ignacio Codesido, e parte da corporación.

Ovidio Rodeiro tivo oportunidade de comprobar a construción da senda entre Fonte Díaz e o Empalme de Vilar, rematada no pasado mes de outubro, cunha lonxitude total de máis de seis quilómetros e cun investimento de máis de 500.000 euros. Con este proxecto o Goberno galego dotou aos preto de 4.000 veciños de Touro de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe, naqueles treitos desta estrada que máis empregan.

A actuación consistiu na construción dunha zona diferenciada para o tránsito peonil en diversos treitos da devandita estrada, que permitirá que os veciños poidan realizar os seus desprazamentos habituais a pé en condicións de maior seguridade. Trátase de itinerarios peonís de formigón, que completan as beirarrúas xa existentes, comunicando zonas onde se concentran os núcleos de poboación e os principais equipamentos. .

Este itinerario peonil de Touro foi considerado prioritario dentro da primeira fase do Plan de Sendas que se está a desenvolver desde a Xunta en sete comarcas galegas, entre elas, a de Santiago. As actuacións no Concello de Touro responden á aposta do Executivo autonómico por fomentar unha mobilidade sostible, máis respectuosa co medio, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

En Touro Ovidio Rodeiro tamén coñeceu de primeira man a evolución do “Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre”, que Touro organiza de forma conxunta co concello de O Pino, nas especialidades de Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes e Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas, e que acolle a a 20 desempregados.

9 de decembro de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.