publicidade hoxe

A Xunta investiu 800.000 euros na mellora de dotacións e servizos en Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+

A Xunta de Galicia investiu máis de 800.000 euros nos últimos meses na mellora de infraestruturas, dotacións e servizos no concello de Sarria. Así o confirmou hoxe o delegado territorial, José Manuel Balseiro, durante a visita que realizou á localidade para supervisar as obras de mellora de camiños executadas ao abeiro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural, que supuxeron un investimento de 108.191 euros.

Balseiro desprazouse ata a localidade de Vilanova, na parroquia de San Vivente de Froián, onde se arranxou un treito de 1,3 quilómetros de lonxitude. No municipio de Sarria actuouse ao abeiro do Plan Marco tamén nos accesos a Vilagudín, á cooperativa de Barán, Miralde, Manán, Betote de Abaixo, Teilonxe e Ortoá. Suman en total preto de 6 quilómetros de viais.

O obxectivo deste programa, cofinanciado nun 75% con fondos Feader, é mellorar as vías que dan servizo a dúas ou máis parcelas integrantes de explotacións agrarias, a montes veciñais en man común ou ben a parcelas incorporadas ao Banco de Terras de Galicia, para facilitar o desenvolvemento de actividades económicas no rural.

O delegado destacou “a plena colaboración do Goberno autonómico para que todos os veciños e veciñas da provincia dispoñan de infraestruturas axeitadas e teñan acceso a servizos públicos de calidade”.

Neste sentido, incidiu no esforzo que se realizou en Sarria para reforzar a área dos servizos sociais, con preto de 287.000 euros destinados ao servizo de axuda no fogar, case 58.000 euros para o desenvolvemento dun proxecto de prevención de drogodependencias e condutas aditivas, e 56.000 euros para o Centro de Información á Muller, que da cobertura tamén aos municipios de Láncara, O Páramo, Paradela e Samos

Fomento do emprego

José Manuel Balseiro afirmou que a Xunta “facilitou este ano a contratación de 17 persoas no concello a través dun investimento de máis de 193.000 euros”, entre eles un orientador, un axente de emprego ou 10 traballadores contratados mediante un programa de fomento do emprego para persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia.

Igualmente, o delegado explicou que “actuamos tamén para incrementar e mellorar as dotacións públicas no municipio, tanto as que xestionamos de forma directa como as que dependen da administración local”.

Así, lembrou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizou obras de reforma na entrada do colexio Frei Luis de Granada e tamén executou obras na cuberta, patio e aseos da planta baixa do IES Xoglar Afonso Gómez, por importe global de máis de 50.000 euros.

Na mesma liña, referiuse á instalación da caldeira de biomasa na piscina climatizada ou á adquisición de maquinaria para o servizo de medio ambiente municipal, grazas a axudas das Consellería de Economía, Emprego e Industria e de Presidencia, respectivamente, que suman máis de 123.000 euros.

28 de decembro de 2016 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.