publicidade hoxe

A Xunta executará as obras de reforma no Cruce do Santo a vindeira semana para reducir a sinestralidade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+
Balseiros na visita aos traballos de rehabilitación

Balseiros na visita aos traballos de rehabilitación

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que a Axencia Galega de Infraestruturas executará a vindeira semana traballos de reforma no cruce do Santo, en Vilalba, co fin de reducir a sinestralidade nese punto.

Balseiro explicou o alcance dos traballos aos alcaldes de Vilalba, Agustín Baamonde, e de Cospeito, Armando Castosa, os dous municipios máis afectados polo tráfico nesta área, na que xa se levaron a cabo algunhas intervencións que, entre outras melloras, incrementaron a visibilidade do cruce.

Nesta ocasión, explicou o delegado, a Xunta vai investir 60.597 euros neste punto, na intersección entre as estradas autonómicas LU-120, LU-111 e LU-121, nunhas obras que na primeira fase -xa en execución- consisten na rehabilitación localizada do firme, fresando e repoñendo o pavimento naqueles treitos que se atopan deteriorados.

Seguidamente, e como traballos máis salientables, a vindeira semana levarase a cabo a construción de catro pasos de peóns elevados, para reducir a velocidade dos vehículos.

Dous destes pasos elevados disporanse na estrada LU-120 de xeito que os vehículos que circulen por esta o fagan a unha velocidade máxima de 50 qm/h, mentres que os outros dous van situarse nas estradas LU-111 e LU-121 nos mesmos puntos que os existentes antes do cruce, para unha velocidade máxima de 30 qm/h, por situarse preto das respectivas liñas de detención.

Con todo isto, o obxectivo que se persegue para mellorar a seguridade vial nesta intersección, é o de reducir de xeito efectivo a velocidade dos vehículos que circulan pola vía preferente LU-120, ao mesmo tempo que se incide nunha efectiva redución de velocidade e posterior detención dos que conflúen neste cruce dende as estradas LU-111 e LU-121.

7 de decembro de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.