publicidade hoxe

A Xunta congrega a un centenar de asistentes na inauguración do curso da AGASP sobre seguridade e deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, e mais o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, inauguraron hoxe o curso realizado na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) sobre ‘Organización da seguridade de eventos deportivos e de ocio’ con preto dun centenar de asistentes pertencentes a Policía Local, Garda Civil e protección civil. Logo da celebración o pasado mes de marzo dunha xornada acerca da seguridade e coordinación nas probas deportivas de motor, resultando un rotundo éxito con preto de 400 asistentes a mesma, continuase nesta liña, considerando fundamental a formación nesta materia transversal. En Galicia organízanse ao longo do ano numerosos eventos de carácter deportivo e de ocio, como probas de atletismo, rallys, orientación ou ciclismo, nas cales é fundamental o papel que desenvolven os corpos de seguridade, os servizos de emerxencias e os voluntarios de protección civil.

Nas súas verbas, Marta Míguez salientou que “estas xornadas son a mostra da consolidación da colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a AGASP”, dous departamentos “estreitamente relacionados” e que manteñen unha “intensa liña de traballo”. A secretaria xeral falou do “interese que suscita entre diferentes colectivos a organización de eventos e a súa seguridade” polo que resulta “moi importante nutrirnos dos coñecementos e das experiencias de diferentes organizacións xerando unha intensa rede de institucións, entidades e persoas”. Segundo a responsable autonómica do Deporte, grazas a estas iniciativas “Galicia seguirá sendo un referente neste ámbito para o resto de comunidades contribuíndo á maior seguridade para deportistas e público asistente”.

Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, agradeceu a colaboración constante da Secretaria Xeral para o Deporte por estar “involucrados ao máximo”. Asemade asegurou que “traballando en conxunto todos os entes implicados, desde organizadores, federacións deportivas, e as diferentes administracións, acadaremos os mellores resultados garantindo a seguridade e o benestar tanto dos participantes nas probas como do público das mesmas”.

Ao longo da xornada de hoxe, o alumnado coñeceu como se organiza a carreira do San Martiño en Ourense –a través dunha intervención da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez- a Volta Ciclista a Galicia, o Iron Man das Pontes, os rally de Ferrol do campionato de España e o rally do Sur do Condado do Campionato Galego, o Marisquiño de Vigo e demais eventos de ocio, así como a xestión da asistencia sanitaria nestes eventos entre outros aspectos.

Esta xornada pecha a formación da AGASP este ano na área de seguridade pública con máis de 350 cursos ao longo do 2016 (202 cursos e 164 no ámbito das emerxencias). En xaneiro presentarase o novo plan de formación para o ano 2017 que continuará apostando pola formación axustada á realidade social que nos acompaña.

21 de decembro de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.